Os triatletas réndense a Pontevedra: "Nunca vivira unha carreira así, con tanta xente animando"

Pontevedra
23 de setembro 2023

Os españois Antonio Serrat, Genis Grau e Sergio Baxter encomiaron o vivido na rúas de Pontevedra coa disputa da carreira elite masculina da Gran Final, unha sensación que tamén se trasladou ao resto de competidores e que "estaban impresionados coa cantidade de público", recoñeceu Javier Gómez Noya tras a competición

Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra Mosrey Fotografía

Espectacular, impresionante, único... Son cualificativos usados polos triatletas que competiron este sábado na carreira elite masculina da Gran Final das Series Mundiais, impactados pola cantidade de ánimos recibidos e de público presente en cada un dos puntos do percorrido.

"Foi incrible, nunca vivira unha carreira así, con tanta xente animando", recoñeceu tras a carreira o español Genis Grau, para quen "foi un ambiente espectacular, das mellores carreiras que corrín da miña vida pero de largo", defendeu.

Da mesma opinión era o tamén español Sergio Baxter, afirmando que "O que destaco con diferenza desta carreira foi o público, encantoume. Pasaron a outro nivel, quero agradecer a todo o mundo que saíu a aplaudirnos porque de verdade empuxáronnos na carreira a pé", sinalou.

Un dos que máis animos recibiu foi o vigués Antonio Serrat, único representante galego na proba absoluta masculina. "O público estivo impresionante, é unha carreira para lembrar aínda que non sexa o meu mellor resultado, pero será unha carreira que lembrarei porque creo que non sufrín por todo o que escoitaba o meu nome nas rúas", revelou.

Javier Gómez Noya: "Poñíanseme os pelos de punta vendo a competición"

A sensación foi xeneralizada entre todos os participantes. Así o revelou o campionísimo Javier Gómez Noya, que viviu o evento como afeccionado pero que tivo a oportunidade de compartir impresións con moitos dos deportistas.

"O pouco que puiden falar cos que acababan estaban impresionados coa cantidade de público, sobre todo o circuíto a pé gustoulles moito", asegurou o pentacampión mundial, que recibiría unha homenaxe ao termo da proba.

Para Noya, que competiu por todo o planeta ao longo da súa dilatada carreira, o deste sábado en Pontevedra foi "unha carreira espectacular polo nivel do participantes pero sobre todo polo público, poñíanseme os pelos de punta vendo a competición". Dio unha voz autorizada no mundo do tríatlon.