POAL afea a Lores "falta de previsión" por non querer cambiar o PXOM e á oposición "falta de ética" por non responderlle

Pontevedra
20 de maio 2023

Para Carlos Fontán, que sexan os primeiros en responder significa "ou que POAL é o único que se está tomando en serio esta campaña, ou que o resto de partidos non se dea conta do importante que é o que se decide o 28 de maio". Lembra que "vertebra e planifica unha cidade" e podería axudar a "interrelacionarnos cos concellos limítrofes"

Mitin de Pontevedra Alternativa (POAL) na Praza de San Xosé Cristina Saiz

O candidato de Pontevedra Alternativa (POAL) á Alcaldía, Carlos Fontán, quixo responder este sábado ás declaracións realizadas nos últimos días polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nas que se amosaba contrario á aprobación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sinalaba: "Quen propón un novo PXOM está a propoñer unha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado"

Para Carlos Fontán, esa actitude de Lores denota "falta de previsión de cara ao futuro", pois o Plan actual é do ano 1989 e resulta "prioritario ordenar o noso chan para construír a cidade do mañá”.

Pero o líder de POAL non só afeou as declaracións e actitud de Lores, senón tamén a forma de actuar da oposición, pois ningún dos outros partidos con representación na Corporación respondeu a estas palabras do alcalde. Para Fontán, esa falta de resposta supón "falta de ética e respecto cara a cidadanía".

Na súa opinión, que eles, como partido localista, independente e sen representación, sexan os primeiros en responder significa "ou que POAL é o único que se está tomando en serio esta campaña, ou que o resto de partidos non se dea conta do importante que é o que se decide o 28 de maio".

A Lores tamén lle quixo sacar as cores ao sinalar que Lores sae en campaña dicindo que non quere actualizar o PXOM mentres na páxina web municipal se pode ler "actualmente está a redactarse o Plano Xeral de Ordenación Municipal que substituirá ao actual. É un proceso aberto e participativo, no que están tomando parte numerosos cidadáns e as entidades sociais máis importantes da cidade".

Fontán ofreceu unha rolda de prensa no Liceo Casino de Pontevedra acompañado pola número 2 da candidatura, Ana Cedeira, e insistiu na importancia do PXOM como documento que "vertebra e planifica unha cidade", ao tempo que lembrou a Lores que pode modificalo sen que afecte ao seu modelo de mobilidade e á peonalización das rúas e cambialo podería axudar a "interrelacionarnos cos concellos limítrofes, afianzándonos como capital de provincia".

Durante a súa comparecencia, cuestionou que as normas leven 34 sen cambiarse nin adaptarse ás normativas urbanísticas actuais e repartiu culpas entre os dous partidos no Goberno, BNG e PSOE, e tamén o PP, por ser o partido que direxe a Xunta de Galicia e permite ao Concello facer modificacións puntuais do Plan cando o precisa. 

Fontán tende a man a Lores ou ao alcalde que saia das eleccións do 28 de maio, sexa das siglas que sexa, e anuncia que van contar coa súa colaboración para a actualización das normas de ordenación. 

O alcaldable de POAL considera que Pontevedra ten moitos sitios para os que pode medrar, desde A Parda a Lérez, Mollavao, Salcedo ou Monte Porreiro, pero o que está claro é que "Pontevedra ten que crecer" e para logralo fai falta ese novo PXOM que permitiría o desenvolvemento definitivo do rural e das grandes infraestruturas terrestres, así como solucionar o histórico problema do chan industrial no municipio.

SÁBADO DE MITIN

A campaña de POAL para este sábado tamén sumou actividades a pé de rúa como un mitin na Praza de San Xosé  coa participación de Carlos Fontán, Ana Cedeira e Gustavo Olmedo, número cinco da lista.