Unha aposta "firme e clara" pola cultura e a lingua galega. Así é, segundo Podemos-EU-Son en Común o programa electoral que nestas materias presentan de cara ás eleccións municipais. Avanzaron algunha destas propostas nun acto cultural que se celebrou na Casa da Luz.
Podemos ten dúas medidas "estrela" en materia cultural, que son a recuperación da Aula de Teatro e o impulso dunha Escola Municipal de Música e Artes e, sobre todo, estudar a viabilidade e compra da praza de touros para aproveitala para actividades de ocio e cultura.
O candidato á Alcaldía, José Ramón Otero, engadiu que a súa coalición tamén propón organizar ciclos de difusión da cultura e a arte, potenciar a actividade teatral, o incremento progresivo da partida dedicada á Cultura, fomentar o gusto pola lectura en todas as idades ou o potenciar a aparición de novos artistas locais coa creación dunha Rede de Artistas Locais.
Ademais, estudarán a viabilidade e demanda dun Cinefórum fixo e periódico e programar roteiros culturais por Pontevedra e a súa comarca.
En materia de normalización lingüística, pola súa banda, Podemos quere que todos os departamentos institucionais teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, que as relacións xurídicas e notariais da administración local se redacten en lingua galega ou que as escolas infantís municipais garantan o 50 % do galego na súa actividade.
No programa co que concorre as municipais, Podemos incluíu un apartado específico sobre a diversidade LGTBI que contempla, entre outras moitas medidas, a elaboración dunha diagnose sobre as desigualdades que afronta o colectivo ou o deseño dun plan municipal para as diversidades sexual e de xénero e un plan de formación e emprego específico.