No inicio desta recta final de campaña para as eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou este luns cal sería a estrutura do goberno que aspira liderar e os principios que guiarán todo o seu traballo.
"Cada día que pasa é máis evidente que só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Alfonso Rueda de presidente, ou un goberno liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta", destacou Pontón, que considera que "o cambio é imparable".
A candidata nacionalista comprometeuse a darlle a Galicia "o mellor goberno de todos os tempos", liderado polas persoas "máis capaces, ilusionadas e dispostas a facer avanzar o país".
Asegurou que "non quero un goberno de persoas acríticas e sen iniciativa", senón un Consello da Xunta "dinámico e participativo, con homes e mulleres brillantes, quero rodearme das mellores o dos mellores porque o que está en xogo é darlle futuro a este país e á súa xente".
A este respecto, Ana Pontón manifestou a súa vontade de exercer a presidencia sen prometer imposibles, recalcou, "para deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos".
Nesta liña, avanzou a súa determinación de abrir unha nova etapa cun goberno centrado en dar solucións aos problemas que preocupan á maioría dos cidadáns como sanidade, educación, o coidado dos maiores, a vivenda ou o emprego de calidade para chegar a fin de mes.
"Quero abrir unha nova etapa para poñer ao país a producir dende a ciencia e a innovación, cun rural vivo e facer posible unha Galicia con oportunidades na que a igualdade e os dereitos das mulleres serán unha prioridade de goberno", resumiu a líder do BNG.
Pontón proclamou que o seu goberno actuará coa máxima xustiza e equidade coa cidadanía, empresas e co resto das administracións garantindo a igualdade de oportunidades, erradicando "calquera tipo de favoritismo e de clientelismo".
Así, asegurou que "acabouse gobernar a favor dunha minoría ou dun grupo de presión" e que como presidenta a cidadanía galega "pode ter a tranquilidade de que o interese público sempre estará por riba do interese particular".
En relación á estrutura de goberno, adiantou que estará asentada en dúas grandes áreas que impulsarán toda a acción da Xunta de xeito "transversal e coordinado", co obxectivo de superar a concepción de "compartimentos estancos" e impulsar a súa acción desde unha visión integral.
As dúas áreas estruturais serán a de sectores produtivos e de recursos naturais, política económica e emprego; e a de política social, servizos públicos, benestar e calidade de vida.
Pontón explicou que estas dúas áreas estarán directamente coordinadas dende a presidencia, cun protocolo de traballo que incluirá reunións mensuais para determinar estratexias de actuación, reunións que convivirán co encontro semanal do Consello da Xunta.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.