RADIO.- Máis de trescentas persoas participaron en PontevedraViva Radio durante 2018

Pontevedra
30 de decembro 2018

Nestes algo máis de dous anos e medio de traxectoria, PontevedraViva Radio segue sumando seguidores en streaming e podcast. Ademais en 2018 máis tres trescentas persoas participaron  presencialmente na súa programación

Invitados e colaboradores nos programas de PontevedraViva Radio no 2018
Invitados e colaboradores nos programas de PontevedraViva Radio no 2018 / PontevedraViva

Un ano para seguir dando agradecementos. Así resultaron estes últimos doce meses para o proxecto de PontevedraViva Radio. Agradecementos para máis de trescentas persoas que se achegaron ata o estudo de PontevedraViva e participaron en programas como A Playlist, La trastienda, Cara a cara, Conversas na Ferrería ou Pontevedra ten un puntazo.

Agradecementos igualmente para os usuarios que a través do streaming ou do podcast escoitan e descargan os programas que ata a data compoñen unha proposta informativa e de entretemento sen perder de vista a actualidade e a proximidade a Pontevedra e a súa contorna. Grazas a todas as persoas que desde a propia capital ata outros continentes seguiron e seguen estes contidos.

Recoñecementos tamén para quen tivo a iniciativa de querer colaborar e facer crecer este proxecto de comunicación. Neste 2018 sumáronse á nosa oferta musical a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos coa 'Rumboia' o xornalista e músico Tino Domínguez con 'El club de la esquina' e comezamos a redifundir 'Ábrete de Orellas' o programa que dirije Pepe Cunha con músicas e concertos de e por Galicia; que obtivo o Premio Martín Códax da Música.

Continuando cos novos programas que xurdiron este 2018, PontevedraViva Radio tamén se fixou en ámbitos concretos como o dos videoxogos. En colaboración con Morcego comezou en outubro o primeiro podcast en galego dedicado a este sector: 'A gruta de Gizamaluke' conducido por Carlos Pereiro.

As mascotas igualmente teñen o seu espazo quincenal con outra das novidades do ano, 'Podcans' da man do educador canino Diego Álvarez. E outra das redifusiones que poden seguirse desde o pasado marzo con mirada feminista é 'Sangre Fucsia'.

FORMATOS QUE SE CONSOLIDAN

Música e intimidade comparten tempo en 'A Playlist de...' polo que pasaron nomes coñecidos do ámbito deportivo, cultural, social, político, xornalístico, institucional, empresarial, etc...

As charlas das 'Conversas na Ferrería', máis pegadas á actualidade, permitiron abordar cuestións como o empoderamiento e reivindicacións que as mulleres protagonizaron durante este 2018; os usos, vantaxes e riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais; eventos que se celebraron na cidade; os proxectos educativos que se recoñeceron e compartido fóra de Pontevedra; os valores deportivos que inculcan clubs e escolas deportivas; ou outros debates que foi poñendo o 2018 ante a opinión pública. Todo desde múltiples perspectivas e experiencias.

Tamén próximas á actualidade estiveron as entrevistas 'Cara a cara'. Podcast no que os seus protagonistas contaron unha consecución, unha traxectoria, un proxecto, un traballo - ás veces descoñecido - que levan o sinal pontevedrés unhas veces e noutras ocasións a de persoas con nomes recoñecidos que estiveron en Pontevedra.

Os seguidores dos clubs deportivos locais teñen a súa referencia en 'La Trastienda' así como as iniciativas da industria cultural téñena en 'Pontevedra ten un puntazo'. O streaming máis madrugador continuou coas redifusiones matinais de 'La Cafetera' e 'Carne Cruda'. E tres colaboracións máis: co "bo rollo" que semanalmente realizan os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en 'Radio Escaparate'  coas noticias ambientais de Galicia en 'Radio Cerna' con Adega-Galicia, e a música indie de 'A altas horas'.

Dous anos e medio abrindo novos contidos e dispostos a seguir abrindo máis.