Unha cidade saudable

Pontevedra
31 de outubro 2015

O modelo de cidade que está a aplicar o Concello de Pontevedra supón un proxecto integral que conleva unha vertente que pretende fomentar hábitos de vida saudables entre os cidadáns

Carril bici na Ponte das Correntes
Carril bici na Ponte das Correntes / Mónica Patxot

Este modelo de cidade pensado nas persoas, non pasa por alto a súa saúde. Por elo, o proxecto integral tamén ten unha vertente que pretende fomentar hábitos de vida saudables entre os seus cidadáns, e ofrecer espazos da calidade ambiental que poidan ser motivo de goce común. De feito, é constatable o incremento da vida en prazas, rúas e nos espazos naturais.

As actuacións encamiñadas á redución do tráfico redundaron igualmente na diminución da contaminación sonora e do aire. Súmase, no ámbito ambiental, os proxectos executados para eliminar as verteduras residuais ás augas dos ríos e a ría.

Están a disposición das cidadáns iniciativas como o Metrominuto, que mostra as distancias e tempo entre varios puntos da cidade, percorridos por un peón. O Pasominuto, unha guía de suxestións para pasear polos espazos verdes da cidade, dando conta das distancias que se percorren, os pasos que se dan ou o tempo que leva facelas.

De igual forma acondicionouse e mellorado unha rede de sendas que permiten gozar, tanto a pé como en bicicleta, deste patrimonio natural de Pontevedra.

Os usuarios das bicicletas tamén incrementaron o seu número nos últimos anos, propiciados polas medidas ou programas que se aplicaron e que situaron á cidade como un espazo idóneo e seguro para as bicis. Así como os peóns dispoñen do Pasominuto, os ciclistas tamén contan co Bicimapa urbano. Ademais, xa se converteu en referencia anual o programa Pontenbici, que aglutina actividades diversas co obxectivo de visibilizar e fomentar o uso das bicis.

Este fomento da mobilidade peonil foi recoñecido en 2013 co Premio Europeo Intermodes. Xa en 2010, a Fundación para a Seguridade Viaria, outorgou o Premio Fesvial á seguridade viaria.