A UNED de Pontevedra organiza a exposición "Pezas de tecido galego e outros obxectos tradicionais", unha proposta cultural e divulgativa que permitirá achegarse á historia do tecido popular galego e a distintos elementos vinculados coa economía de subsistencia tradicional en Galicia.

A mostra poderá visitarse até o 30 de xuño nas instalacións do centro asociado, situadas na Rúa de Portugal, 1, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Durante todo o período expositivo exhibiranse fichas individualizadas de cada peza, nas que se detallarán as súas características formais, a súa funcionalidade e o seu contexto histórico. Os obxectos expostos foron achegados por alumnado dos distintos cursos de Extensión Universitaria impartidos polo profesor José María Leal Bóveda.

A exposición ofrece un percorrido pola evolución dos tecidos tradicionais galegos e polas formas de produción doméstica que durante séculos formaron parte da vida cotiá de numerosas familias galegas. A través de pezas confeccionadas en liño, la e outras fibras naturais, así como de diferentes obxectos vinculados á economía rural tradicional, o público poderá coñecer de primeira man as técnicas, usos e funcións destas pezas dentro do contexto social e económico do Antigo Réxime e boa parte do século XX.

A actividade pon especial atención no papel desempeñado polas mulleres nos procesos de produción téxtil doméstica, desde o cultivo e tratamento do liño até o fiado e tecido en teares tradicionais, así como nas dinámicas de colaboración veciñal que caracterizaban estes labores comunitarios.

Entre os obxectivos desta iniciativa destacan a divulgación do patrimonio etnográfico galego, o coñecemento dos distintos tipos de tecidos tradicionais e os seus usos, así como o fomento do diálogo e a reflexión sobre a cultura material galega. A exposición permitirá ademais coñecer en directo a produción do encaixe tradicional a través das palilleiras.

UNED de Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos