Acoso inmobiliario, unha cruel cara máis da violencia de xénero

28 de marzo 2026

Penso que, a estas alturas, non é preciso explicar en que consiste o acoso inmobiliario, porque, por desgraza, está máis que de actualidade.

A diario fálase de okupas, inquiokupas e vulnerabilidade, mesturando estes conceptos que nada teñen que ver, sen ter en conta o dano que realmente poden chegar a facer, equiparando delincuencia e vulnerabilidade sen coherencia e sen piedade ningunha, e amosando, ademais de cero sensibilidade, unha gran ignorancia, porque, obviamente, nada teñen que ver os que, cunha patada na porta, invaden a propiedade allea, nin os que son auténticos "profesionais" da morosidade, alugando pisos e non pagando sinxelamente porque non lles peta, malia que poden facelo, con quen, por un revés na vida que a calquera lle pode suceder (desemprego, enfermidade, separación…), nun momento dado, se ven sen recursos, e sen poder, porén, facer fronte aos gastos máis básicos.

Igualmente, métese no mesmo saco aos propietarios que, moi honradamente, mercaron unha vivenda, que, posteriormente, a alugaron para poder facer fronte ás súas propias necesidades, e que non teñen, por suposto, obriga ningunha de asumir unha carga que lle corresponde ao Estado, con aqueles que son puros especuladores con cero escrúpulos. Mentres que os primeiros fan o correcto, que é, se finalmente non logran acadar unha solución, recorrer á Xustiza, os segundos eluden, sexa como sexa, ese camiño, xa que, por norma xeral, teñen moito lixo que tapar, e, ao traspasar a porta dos Xulgados, correndo o risco algo máis que probable de que os seus "negocios" saian á luz, optan polo acoso inmobiliario, que consiste, obviamente, como todos sabemos, en acosar ao inquilino por diferentes métodos, ningún legal, por suposto, que van desde o corte de subministracións, negarse a facer reparacións de primeira necesidade ata deixar a vivenda nun estado totalmente inhabitable, pasando por ameazas, ata o método máis recorrente dun tempo a esta parte, que é a contratación de empresas de desokupas, presuntos "mediadores", que non son, na realidade, máis que auténticos mercenarios, violentos, agresivos, que non dubidan en realizar todos os actos vandálicos precisos para que os inquilinos abandonen a vivenda, como poden ser botar portas abaixo, arrancar contadores de cal, impedir que fagan chegar alimentos aos afectados..., o que sexa, con tal de lograr o seu obxectivo e cobrar, amparándose nun limbo legal algo máis que dubidoso e mesmo contando, en ocasións, co apoio e aprobación das FCSE.

É algo terrorífico para quen o padece, tanto que máis dun chegou a temer pola súa vida, e non sen motivo real, pero hai un colectivo que padece este indescritible calvario dun xeito aínda máis cruel se cabe: as mulleres que viven soas, sobre todo se xa teñen certa idade, que se atopan nunha situación de total indefensión, sen recursos, sen coñecementos nin medios na maioría dos casos, mesmo con graves problemas de saúde, provocados ou empeorados pola barbarie que están a vivir, sen protección ningunha, e que acaban por estar, literalmente, paralizadas polo pánico.

Moi poucas, de feito case ningunha, identifican a súa situación coa violencia de xénero, xa que a violencia dos ataques que sofren, o xeito tan "valente" de atacalas deses malnacidos, está directamente relacionado coa súa condición de muller, tanto se viven soas, como se o fan cos seus fillos, como tantas e tantas vítimas de violencia machista, nenos e nenas de moi curta idade, igualmente aterrorizados, vivindo unha situación que probablemente os deixará marcados, en maior ou menor grao, para a vida.

A violencia, como xa dixemos, é a "ferramenta de mediación" que estes sicarios empregan, mais non é comparable o xeito no que o fan cando o inquilino en cuestión é un home, ou cando se trata dunha parella na que un dos integrantes é un home, ou unha familia na que, igualmente, hai varóns.
Nada que ver.
O feito de ser muller marca unha notable diferenza, unha cruel diferenza.

Tampouco á hora de pedir axuda son tratadas de igual xeito, non nos enganemos, agás que se trate dun colectivo ou asociación dos que todos coñecemos, que menos mal que existen, e que, de xeito voluntario, se ocupan de axudar a estas persoas e familias, en cuxo caso non se dan estas diferenzas.

Outra cousa é á hora de interpoñer unha denuncia, e lamentamos ter que dicilo, pero é a dura realidade.
Se se trata dun home, pouco ou nada hai que cuestionarlle.
Pode que non se lle amose simpatía, pero a denuncia é recollida e punto.
Cando se trata dunha muller, a cousa cambia.
Máis dunha vez é tratada non como a vítima que realmente é, senón xa non digamos como "sospeitosa" por ser un pouco máis sutís, senón directamente como se a delincuente fose ela.

A ela é á que se lle pide que demostre que tales ataques existen, recriminándoa que cando a policía acode ás súas chamadas, se é que o fan, que esa é outra, non atopan alí a ninguén, coma se os autores deles, ademais de delincuentes, fosen idiotas e chegasen a ficar diante da vivenda agardando a que eles chegasen, a que se trata de histérica, e a que se lle recrimina que, claro, se non paga o alugueiro... como se iso xustificase tales violentos ataques.

A ela, agás moi raras excepcións, déixase sen protección ningunha, mentres os seus agresores, porque iso é o que son, agresores, gozan de total impunidade, e, porén, non van dubidar en reincidir cantas veces lles pete.

Son elas as que teñen que ficar pechadas nos domicilios, nun estado de auténtico terror, porque de abandonalo para algo tan sinxelo como levar os seus fillos ao colexio, cabe a posibilidade de non poder entrar de novo e tampouco semella importarlles o medo deses nenos e nenas.
En todo caso, se a alguén lle botan a culpa é á súa propia nai, que engade ao temor que xa sente, o de que lle arrebaten os seus fillos por telos nesa precaria situación que, evidentemente, ela non provocou, pero que é tratada coma se así fose.

Mesmo a súa aparencia é cuestionada.
Se é coidada, tan mal non o estará a pasar.
Se é descoidada, non hai máis que ver a pinta que ten...
Alguén viu ou escoitou que dixesen o mesmo dun home?
Acaso se fixan en como está vestido, en se está mellor ou peor afeitado ou peiteado?
A resposta é un rotundo non.

En definitiva, estamos ante unha cara máis da violencia de xénero, das máis crueis, pero da que non se fala.

A conclusión? Ser muller, e, ademais, vulnerable, pasa, ás que nos toca, unha das facturas máis caras que a vida nos pode pasar.
Tanto, que nos pode ir a vida nela.

Asociación Si, hai saída

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora