"Loitas" que nos fan perder a pouca fe que nos queda

25 de outubro 2025

Unha rapaza de tan só 21 anos foi acoitelada en Madrid pola súa parella, diante do seu bebé de 15 meses. A vítima figuraba no sistema VioGén, e existía unha orde de afastamento, malia o cal seguía existindo unha relación entre ambos

Pouco a pouco imos achegándonos ao "Día D", no que as rúas non dan abasto para acoller a tantos "concienciados" e "concienciadas" coa loita contra a violencia machista, na que os eventos organizados polos colectivos, organismos e "VIPS" se suceden con tal profusión que se pisan uns aos outros... calquera cousa con tal de aparecer nas fotos!

Xornadas nas que se invisten cartos coma se non houbese un mañá para pagar as colaboracións dos convidados con máis renome, máis famosos e cun cargo a cada cal con máis ensulla, porque, polo visto, a loita dos humildes non serve. Hai que ter un cargo importante, representar un organismo ou institución con peso, ocupar un despacho de luxo... malia que se trate de alguén que o único que coñece de violencia machista sexa o que buscou en Google un par de noites antes do evento en cuestión. O caso é que os conviden a participar, aprender a poñer as caras de compunxidos oportunas, iso é vital, e, por suposto, cobrar.

Bandeiras e camisetas lilas enarboradas por moitas desas "feministas" (non polas feministas, como sempre aclaro) ás que lles trae absolutamente ao pairo todo o que acontece o resto do ano, malia que se trate dun ano especialmente significativo coma este no que quedou ao descuberto moitas e gravísimas eivas en todo o referente á violencia de xénero, pero que é preferible esquecer, ou, moito mellor aínda, finxir que non existen, que nunca sucederon, porque as subvencións non caen do ceo e, comprometidas si, pero a vaquiña polo que vale.

Sen esquecer, por suposto, as "famosas" que van aparecendo sucesivamente nos medios de comunicación, especialmente neses programas de "salseo", que é como se denomina agora ao cotilleo de toda a vida, que, de súpeto, se converten en foros pretendidamente serios, que pasan, en cuestión de poucos días, de contarnos os líos de cama duns e doutras a darnos leccións de como combater a violencia machista.

E mentres se van quentando todos estes motores de ouropel e atrezo, na vida real vanse sucedendo os desatinos, uns desatinos con resultados letais que a ninguén semellan preocupar.

Por mencionar tan só algúns deles, vou remitir a algúns dos máis recentes:

Unha rapaza de tan só 21 anos foi acoitelada en Madrid pola súa parella, diante do seu bebé de 15 meses.
A vítima figuraba no sistema VioGén, e existía unha orde de afastamento, malia o cal seguía existindo unha relación entre ambos, o eterno cravo ardendo ao que se aferran os que, tendo a obriga de facer un seguimento, nin o intentaron, nin a el, nin a ela, a que, como non!, se apresuraron en culpar por estar con el, demostrando, unha vez máis, o seu descoñecemento de que esa é unha reacción máis que común entre as vítimas de violencia machista, a dependencia emocional do seu agresor, ou mesmo podería estar ameazada e retida á forza xunto a el, pero é moito máis cómodo, por unha banda, ignorar esas posibilidades, o que implicaría, obviamente, traballo e empatía, e, pola outra, deixar que un algoritmo decida o risco que corren as vítimas, porque iso é o que é na realidade o test VioGén, un algoritmo que "decide" se as mulleres precisamos ou non protección e, neste caso, coma nunha gran maioría, o nivel de risco que arroxou foi baixo, o cal non deixa de ser, como mínimo, máis que sospeitoso, pero, para que molestarse en indagar? Se o algoritmo di que o risco é mínimo... a outra cousa. Se a matan, coma tantas outras, a culpa é dela, faltaría máis, porque xa chegamos a un punto no que ser vítima e delincuente son case sinónimos. Calquera cousa é preferible antes que traballar o mínimo imprescindible para cobrar a nómina a fin de mes.

Ben cerquiña, na mesma Pontevedra, un rapaz foi detido por defender a súa nai, a que seu pai estaba agredindo, sendo tamén el ameazado cun coitelo, e rematando por ser detido por violencia doméstica, porque, polo visto, o correcto sería que non fixese nada para tentar salvar a súa nai.

E, namentres, coma non podería ser menos, continúa a espesarse cada vez máis a cortina de fume arredor dos fallos das pulseiras telemáticas, ata que xa non sexan máis que un vago recordo, ou nin iso, algo para o que falta moi pouco, agás, por suposto, que a oposición no goberno vexa a necesidade de sacalo a relucir nalgún momento no seu beneficio, mais do contrario, e cun pouco de sorte, para o 25N o asunto xa estará máis que esquecido, co cal os políticos poderán saír a lucirse con toda tranquilidade e desvergoña do mundo, ignorando por completo o terror e a angustia, máis que xustificados, de tantas e tantas vítimas e o evidente risco que están a correr.
A quen lle importa?

Estes son, como xa dixen, tan só algúns exemplos, poucos, pero que definen como se está a tratar a violencia machista no noso país, por non falar da violencia vicaria, bullying... lacras letais que, lonxe de tentar combatelas de xeito real e eficaz, ou se ignoran, ou se utilizan para mercantilizalas, coma se as vidas de seres humanos fosen meros instrumentos cos que facer negocio.

Así as cousas, é francamente moi difícil manter a fe en acadar e obter resultados positivos.

11 anos hai que Si, hai saída emprendeu a súa marcha.

Tivemos e estamos a ter, como é lóxico, en tanto tempo, de case todo, pero non podemos, ás veces, evitar ter a sensación de que esta é unha causa perdida, malia o cal, que ninguén se confunda, non cesaremos na nosa loita, agora ben, os nosos propósitos, creo que a estas alturas xa quedou demostrado, máis que firmes, non nos cegan nin nos fan ignorar a realidade, e o certo é que os avances, se é que os hai, son moi poucos, e manter a fe non está a ser unha tarefa doada.

E, lamentablemente, moito nos tememos que motivos non nos faltan.

Asociación Si, hai saída