A prioridade de desviar a atención cara onde interesa

17 de maio 2025
Actualizado: 15:35

Agora tocoulle a quenda á figura do coordinador parental, unha figura que funciona coma unha especie de mediador nos casos de divorcios conflitivos, nos que o resto de instrumentos xudiciais non foron efectivos, normalmente impostas polos xuíces

Se hai algo no que o Ministerio de Igualdade demostra ser un auténtico virtuoso, ademais de en dilapidar miles e miles de euros, por suposto, é en xerar titulares alarmistas, pouco rigorosos, e cos que desvían a atención da triste realidade: da súa máis absoluta incompetencia e falta de interese real na loita contra a violencia de xénero, aproveitando, isto tamén hai que recoñecelo, que a nosa sociedade non adoita, cando salta unha noticia, ler moito máis alá diso, do titular, e se atinxe a violencia machista, menos aínda.

Agora tocoulle a quenda á figura do coordinador parental, unha figura que funciona coma unha especie de mediador nos casos de divorcios conflitivos, nos que o resto de instrumentos xudiciais non foron efectivos, normalmente impostas polos xuíces, coa finalidade de comprobar que se cumpre a sentenza en canto a medidas, visitas e custodia, sempre e cando, por suposto, non exista un trasfondo ou sospeita de violencia de xénero, en cuxo caso, como tamén debería saber, non se contempla, baixo ningún concepto, a mediación.

Cómpre recordar que esta figura naceu nos xulgados cataláns, que non ten sustento legal no noso país, agás en Navarra, "detalliños sen importancia" que a nosa ministra semella esquecer, e que nos ofrece así, unha vez máis, un exemplo do ben formada e informada que está en materia de violencia de xénero, o ideal para o seu cargo, vaia, e que segundo ela, arroupada, faltaría máis!, por moitos deses "chiringuitos feministas de ben", que sosteñen que todos os divorcios altamente conflitivos agochan casos de violencia de xénero.

Naturalmente, coma non podía ser menos, rapidamente ela e o seu séquito de "chiringuitos gurús", enormemente "alarmadas" polo que cualifican de "violencia institucional", decidiron levar a cabo un estudo ao que titularon, cito textualmente, "La coordinación de parentalidad como nueva violencia institucional", e veña a tirar euros e máis euros, que avale a súa brillante tese, que para iso son "expertas", mentres se escatiman recursos para proporcionarlles axudas reais e efectivas ás vítimas e os seus fillos e fillas ou, directamente se lles negan sendo así, en non poucas ocasións, condenados a ficar co seu maltratador, para poder subsistir, que non para vivir, que non é o mesmo, porque o seu non é vivir.

Eu preguntaríalle a todas estas "expertas": Desde cando os divorcios conflitivos son sempre sinónimos de divorcios por violencia de xénero?

De feito, a inmensa maioría non o son, e as causas que os tornan así, case sempre adoitan ser pola repartición dos bens e patrimonio comúns, principalmente, como é lóxico, se estes son abondosos, e, certamente, con frecuencia, pola garda e custodia dos menores, pagamento e importe das pensións, réxime de visitas, quendas de vacacións, etc., etc., co que se coaccionan mutuamente, sobre todo ao inicio do procedemento, cando unha das partes, ou as dúas, están aínda profundamente feridas, senten dor, carraxe, sentimentos estes que, e a experiencia así o demostra, o tempo vai encargando de suavizar, e, pouco a pouco, todas estas discrepancias, vanse encarreirando por si mesmas, polo ben dos menores e porque eles mesmos xa non senten a mesma dor, nin a mesma carraxe.

Tamén, con certa frecuencia, e triste é ter que recoñecelo, e en Si, hai saída sabémolo ben, dáse a circunstancia de que tendo a certeza de que se trata dun caso claro de violencia de xénero, terribles en moitas ocasións, e por máis que lles aconsellemos o contrario, a muller, desesperada, opta por desistir de denunciar a súa parella por esta causa, iniciando directamente o proceso de divorcio, tentando pasar páxina o antes posible, dando por sentado que este, unha vez divorciados, vai deixar de molestala, ou de maltratala, algo que, por desgraza, o tempo, habitualmente, se encarga de demostrarlle que non é así, que volve á carga, e que, lamentablemente, seguirá a facelo case con total seguridade, malia que el ou ambos cheguen a ter outras parellas.

Por outra banda, a Sra. Ministra&Cía están a ignorar outro feito fundamental, como xa é habitual, aceptado e ignorado: Para que os xuíces recoñezan unha situación de violencia de xénero, ademais da declaración da vítima, por suposto, e dos seus fillos e fillas se o considera oportuno, precisa ter probas, para ao cal hai un elemento fundamental, que é o atestado policial e o "infalible" test VioGén que valorará o nivel de risco da vítima, algo que tamén sabemos ben en "Si, hai saída", e, se o atestado, avalado polo test, arroxan un resultado de risco baixo, ou mesmo sen risco, o xuíz non vai denegar, baixo ningún concepto, as visitas do proxenitor non custodio, como sería lóxico e de desexar en circunstancias normais, para que os menores poidan desfrutar de ambos proxenitores, e, por moito que a nai se negue, se non ten probas ou evidencias tanxibles e fidedignas de que os nenos corren risco ou están en perigo indo co seu pai, é practicamente imposible que negue estas visitas.

En definitiva, e lamentablemente, unha vez máis estamos a constatar que o Ministerio de Igualdade é un ministerio de atrezo, pero do de luxo, do que custa ben caro, e que, e isto é o peor, o seu maior "mérito" é desviar a atención da raíz da terrible lacra que é a violencia machista, poñendo o foco en titulares alarmistas e enganosos.

Outro xeito de maltratar, pese a quen pese.

Asociación Si, hai saída