Renaturalizar o río Gafos

27 de xuño 2026

Ten moito de emocionante ver arrancar as obras no río Gafos ao seu paso por Campolongo. Vello soño de Vaipolorio que comeza a realizarse na cidade. Mellor renaturalizar que destapar. Aínda que o río tivese moitos muíños no seu tempo, destapar soa máis a “Moulin Rouge” que a muíño de auga.

Pensemos que non hai moito tempo o Manzanares, o Támesis, o Sena e tantos outros eran cloacas: ríos bioloxicamente mortos. Agora están recuperados, aínda que quede moito por facer.

Renaturalizar é volver á Natureza: ausencia total de contaminación e de cemento no leito, e presenza de plantas, peixes, anfibios e larvas acuáticas. Tornar á vida.

Volver ver troitas e reos, anguías e escalos. Ver o merlo de río, o martiño peixeiro. Escoitar os paxaros. Gozar da presenza dos asplenios, fentos reais, fentos femia e macho, narcisos, brións, xuncos, lentellas de auga, herba lameiriña. Toda esta nova vida baixo o dosel de árbores de ribeira e a fascinada mirada de quen sente os ríos como algo vivo.

Vaipolorio quere agradecer o esforzo de todos os que levan traballado tanto neste proxecto: os que cren nel, os que o apoian.

E aos que o rexeitan, tolerancia e democracia.

Pontevedra é unha cidade mítica fundada por Teucro.

Desexamos que o tramo do río enterrado, secuestrado, violado, volva ver a luz. Que regresen Eurídice e Proserpina, neste río de Pontevedra, eterno e mítico.