Falar de José Manuel García Lamas en Campañó é falar dun veciño único, exemplar e sempre disposto a axudar. Alí onde o chaman os veciños, alí aparece el, "O rápido", traballando, colaborando e botando unha man dun xeito altruísta, xeneroso e desinteresado. Non é doado atopar quen fale mal del. Pola contra, todos teñen unha historia na que José Manuel os axudou nalgunha tarefa cotiá, neses pequenos traballos do día a día que fan máis fácil a vida da comunidade.
Porque así é José Manuel: un home nacido para traballar arreo, sexa o día que sexa da semana. Hoxe pódese atopar sulfatando a súa viña e, xa de paso, tamén a doutro veciño. Apenas fai unha pequena pausa para tomar un viño no ultramarinos de Vidal antes de volver á casa a xantar, porque a tarde aínda vén cargada de tarefas, como calquera sábado da súa vida.
Neste mes de xuño xubilarase oficialmente, aínda que quen o coñece sabe ben que un home tan activo coma el seguirá sempre ocupado: "aínda queda moita horta que sachar e moitas ovellas que coidar".

"Deixei a escola aos 15 anos e aos 16 xa estaba traballando"
José Manuel comezou moi novo no mundo laboral.
— "Deixei a escola aos 15 anos e aos 16 púxenme a traballar de peón nunha empresa de construción. Lembro que o meu primeiro traballo foi en Verducido, nunha casa particular, facendo un pozo para unha fosa séptica a golpe de pico e pa", recorda.
Aos 26 anos entrou a traballar para o Concello, primeiro como varredor, empurrando o carriño polas rúas, e máis tarde na limpeza nocturna.
— "Despois pasei á recollida de lixo de noite cos camións, pero aquilo significaba deixar a miña familia soa. Mentres eu traballaba pola noite, tiña que durmir de día, así que pedín o cambio, aínda que iso supuxese perder cartos na nómina".
A súa rapidez e eficacia fixeron que a empresa confiase nel para novos retos. Xa preto dos 40 anos sacou o carné de conducir para incorporarse ao servizo de recollida de voluminosos. Ata daquela sempre se desprazaba no seu vespino.
— "Era un departamento novo: neveiras, colchóns, mobles, lavabos... todo o que a xente deixaba nos puntos limpos".
E así leva máis de dúas décadas percorrendo as parroquias do Concello de Pontevedra recollendo o coñecido como "lixo gordo".
Unha vida tamén ligada ao fútbol
Outra das grandes paixóns de José Manuel foi o fútbol. Durante a súa mocidade xogou no Alba e no Campañó.
— "Foron dúas décadas marabillosas. Empecei no xuvenil do Alba con Chito Latvia e Sito Abilleira como presidente. Ás veces adestrabamos en Montero Ríos, onde se facían as festas da Peregrina, porque daquela aínda non había campos".
Máis tarde deu o salto ao equipo sénior adestrado por Luis García, "O Galáctico".
— "Foron anos inesquecibles. Ascendemos de Terceira a Segunda e logo a Primeira Rexional. Quédanme vivencias e experiencias que nunca esquecerei".
Entre todas elas, lembra especialmente unha viaxe á Illa de Arousa, cando aínda non existía a ponte.
— "Íamos xogar en barco. Había moita rivalidade e había que andar con tino para evitar problemas. Moitas veces, ao rematar o partido, marchabamos xa vestidos, sen ducharnos, por se acaso...", conta entre risas.
"Agora toca vivir doutro xeito"
Coa xubilación ás portas, José Manuel afronta unha nova etapa con tranquilidade.
— "Agora tocará vivir doutro xeito. Iso de ir recoller un colchón a Tomeza, unha lavadora á Canicouva ou un retrete a Xeve xa lle quedará a outros compañeiros. Deséxolles o mellor porque son grandes profesionais".
Recoñece que durante os seus 36 anos de traballo viviu moitos cambios nas empresas concesionarias do servizo, desde CESPA ata PREZERO, pasando por FERROVIAL.
— "Para min todas foron iguais porque nós eramos subrogados do Concello. Iso si, fomos mellorando pouco a pouco, aínda que penso que queda moito por facer, sobre todo nas instalacións de reciclaxe do polígono do Campiño".
Aínda así, asegura que non ten grandes plans para o futuro.
— "Quero axudar á familia, aos veciños e, de cando en vez, tomar unha chiquita na taberna mentres lembramos as experiencias da vida cos amigos".
Despois de 36 anos percorrendo as parroquias de Pontevedra e recollendo o "lixo gordo", José Manuel queda coa maior recompensa de todas:
— "Sinto que teño grandes amigos en todas as parroquias, xente coa que agora poderei compartir tamén esta nova etapa da miña vida".
Sen dúbida, que a partir de agora a recollida "do rápido" vai ter que esperar un chisquiño.