O nacemento da asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns

06 de decembro 2025

En 1979 un grupo numeroso de veciños decidiu ocupar o monte parroquial e deter unha corta de madeira verde que consideraban inxustificada. Aí comezou a historia da asociación O Chedeiro

Cando unha parroquia decide avanzar: 45 anos da Asociación de Veciños O Chedeiro

Este ano 2025 chega en uns días ao seu final cun aniversario moi especial para nós: a Asociación de Veciños O Chedeiro cumpriu 45 anos desde a súa fundación oficial. Case medio século despois, resulta emocionante volver a recordar aqueles días de 1979 e de 1980, cando a parroquia de San Vicente de Cerponzóns, con todas as súas aldeas, comezaba a erguer a voz e a organizarse nunha Galicia que saía pouco a pouco da longa noite da ditadura.

A realidade daquela época era ben distinta: estradas en mal estado, falta de servizos básicos, ausencia de iluminación pública, dificultades de abastecemento de auga, problemas cos montes e unha sensación xeral de abandono institucional. A veciñanza, cansada de agardar por solucións que non chegaban, comezou a reunirse, a falar, a reflexionar… e, sobre todo, a tomar conciencia de que a unión era o único camiño posible.

Aquela xeración de veciños e veciñas soubo mirar máis alá do inmediato. Comprenderon que o rural galego tiña futuro, pero que ese futuro había que defendelo. E así, entre a ilusión e a responsabilidade, xurdiu a idea de crear unha Asociación de Veciños con capacidade legal e forza colectiva, capaz de loitar polos camiños, pola auga, polos servizos, pola dignidade da parroquia e pola recuperación dos montes veciñais que lles pertencían por dereito.

Hoxe, 45 anos despois, O Chedeiro continúa vivo, activo e comprometido. Durante este 2025 que vai rematando, celebráronse actos, encontros e actividades que non só recordan aquela fundación histórica, senón que tamén reivindican a importancia de seguir unidos,

OS INICIOS

Ao longo do ano 1979, diversos xornais deron conta dun movemento crecente na parroquia de San Vicente de Cerponzóns que acabaría desembocando na creación da súa Asociación de Veciños. O punto de partida produciuse o 13 de marzo, cando un grupo numeroso de veciños decidiu ocupar o monte parroquial e deter unha corta de madeira verde que consideraban inxustificada, pois non se lles pedira permiso nin ían recibir beneficio algún pola súa venda. Este acto de defensa do territorio levou a unha entrevista co delegado de Agricultura, quen lles confirmou que a Lei de Montes de 1968 recoñecía os seus dereitos sobre esas terras. Daquela, os veciños comprenderon que para poder afrontar non só este conflito, senón outros moitos problemas da parroquia, era imprescindible constituír unha Asociación con capacidade legal.

Poucos días despois, arredor de cen veciños reuníronse na parroquia para analizar os pasos a seguir. Tras valorar os pros e os contras, decidiron iniciar os trámites oficiais para que a Asociación de Veciños de San Vicente de Cerponzóns fose unha realidade canto antes. Os obxectivos marcados eran claros: loitar polo ben común, mellorar servizos básicos como a auga, os camiños, a luz pública…, e emprender as accións necesarias para recuperar os montes veciñais, considerados unha riqueza estratéxica para o futuro da comunidade.

Este movemento veciñal continuou medrando ao longo do ano. No mes de setembro, Manuel Alvite Magdalena, actuando como portavoz, presentou oficialmente no Concello a solicitude de que o monte de Cerponzóns fose recoñecido como veciñal en man común, un paso decisivo na defensa dos dereitos históricos da parroquia. Paralelamente, celebráronse asembleas informativas para explicar ao conxunto da veciñanza o estado das xestións, os problemas existentes e as necesidades máis urxentes.

Así, as diferentes noticias publicadas pola prensa en 1979 deixan claro que a parroquia vivía un momento de mobilización, conciencia colectiva e reafirmación dos seus dereitos, que culminaría na inminente creación da Asociación de Veciños de Cerponzóns, chamada a desempeñar un papel clave na mellora e defensa do territorio.

Este ano recordamos os 45 anos da fundación da Asociación de Veciños O Chedeiro. Cuarenta e cinco anos dun traballo con altos e baixos, discreto ás veces, visible outras, pero sempre necesario e sempre guiado polo mesmo espírito: defender Cerponzóns e mellorar a vida da súa veciñanza.

Hoxe queremos recordar, agradecer e poñer en valor ás persoas que, aquel 10 de xuño de 1980, tiveron a valentía, a iniciativa e a visión de crear esta asociación. Grazas a eles naceu un movemento veciñal que aínda hoxe segue vivo e que continúa sendo unha referencia.

No libro de actas figura aquela primeira directiva, pioneira e decisiva, formada por:

Presidente: D. Manuel Alvite Magdalena

Vicepresidente: D. José Villaverde

Secretario: D. José A. Iglesias Solla

Tesoureiro: D. José Cochón Cochón

VOCÁIS POR LUGARES:

• Lugar de Pidre: D. Rogelio Castro Iglesias e D. Manuel Canosa Casal

• Lugar de Cunchido: Sr. Joaquín Souto e D. Manuel Castro

• Lugar de Tilve: D. José Cochón, D. Francisco García e D. José Maquieira

• Lugar de Meán: D. Albino Chan e D. Manuel García

• Lugar de Leborei: D. Manuel Maquieira e D. Joaquín Cochón

• Lugar de A Ermida: D. Marcial e D. Joaquín Souto

• Lugar de O Vigario: D. Jaime Hermida

• Lugar de O Bravo: D. Jaime e D. Francisco Louzán

• Lugar de A Bouza: D. Cándido Casás

Eles foron os primeiros en organizar, unir e representar a unha parroquia enteira. Sen medios, sen facilidades, pero con moita ilusión e moita responsabilidade. Foron quen de levantar unha asociación que, co paso do tempo, demostrou estar á altura dos retos da parroquia e de cada época.

45 anos despois, a Asociación de Veciños O Chedeiro continúa activa grazas a aquel impulso inicial e grazas a todos e todas que formaron parte o longo dos anos da directiva do Chedeiro.