Hai unhas semanas, transcorridos tres anos dende a súa concepción, saíu do prelo o libro Nietas contra el olvido. Vivencias de la represión franquista. A obra, magna e esclarecedora, é de lectura imprescindíbel e obrigado atesouramento, pois, deu reunido, nun esforzo comunal e edificante, as voces firmes e saudosas de 56 mulleres arredor dun exercicio de memoria interxeracional a respecto da represión. Os textos compilados foron escritos en todas as linguas do Estado. Das cincuenta e seis, dúas voces proveñen do exilio (Francia, EUA) e unha, de Marrocos (antigo Protectorado español). A publicación cadra co nonaxésimo aniversario do golpe de Estado fascista e o comezo da Guerra Civil.
O vínculo biográfico das autoras é o de seren netas, bisnetas ou sobriñas netas de vítimas do xenocidio franquista. O nexo motivador destas mulleres é o de non claudicaren fronte á omertà da dereita nostálxica, á falla de contundencia das forzas progresistas e o descoñecemento, desleixo ou insensibilidade dunha parte da sociedade; ben ao contrario, teiman sen acougo todas elas na esixencia de xustiza, verdade e reparación.
O libro viu a luz baixo os auspicios da Universidade de Granada (EUG) e, ao longo de 265 páxinas, suma 56 textos e 60 fotografías. A edición do material gráfico e textual foi coordinada pola escritora e investigadora Carmen Morente Muñoz –autora dun dos textos recollidos e responsábel, asemade, da "Presentación"–. Morente púxose á fronte dun grupo de traballo (doce compoñentes) que, dilixente e asembleario, propiciou o feliz desenlace do proxecto. As profesoras Teresa María Ortega López e Alba Martínez Martínez da Universidade de Granada encargáronse da elaboración dunha iluminadora "Introdución histórica". O acrisolado das fotografías estivo ao coidado de Paloma Calopa, Josefina Musulén, Mercedes Sánchez e Silvia González (autoras, así mesmo, de cadanseu texto). A autoxestión ao poder!

Escribe Carmen Morente na súa "Presentación": Hemos hecho palpable nuestro compromiso colectivo de que ninguna nieta se quedara en el camino. Las dificultades de todo tipo que se han podido presentar se han resuelto con voluntad cooperativa, inventando a cada paso las formas para resolverlas. Hemos funcionado de modo asambleario, consensuando cualquier etapa del proyecto y haciendo dicho método viable gracias al Grupo de Trabajo, reponsable de materializar acuerdos [...] Todas teníamos la necesidad de hablar de nuestros familiares represaliados, aspiración legítima, pero lo que se nos pedía era explicar, cada cual con su estilo propio, cómo llegó a nosotras la memoria, quién la transmitió, cómo reaccionamos ante ella, cómo modificó nuestras vidas y cómo llegamos a desarrollar el compromiso para preservarla y trasladarla a las nuevas generaciones como instrumento pedagógico para que sepan reconocer el rostro del fascismo hoy, para que puedan entender su presente y para que puedan construir una sociedad al servicio del bien común... (páxs. 49-50).
56 mulleres afoutas, tres galegas; unha pequena mostra, abondo representativa, desoutra sociedade consciente que se afana en reivindicar os valores da resistencia antifascista de antano e hogano como fórmula inescusábel para garantir a democracia, a liberdade, os dereitos sociais, os servizos públicos e a salvagarda da convivencia pacífica.
56 mulleres, autoras doutros tantos textos que esporean a conciencia e esconxuran a resignación. O libro está redactado en castelán, porén, seis das achegas acompáñanse da súa versión na lingua propia das escritoras: galego, éuscaro, català-mallorquí, català-valencià, asturleonés e aragonés; exemplo de tolerancia e expoñente de valoración da diversidade cultural do Estado.
Por mor da deriva reaccionaria que padece a humanidade, o libro baterá na Galiza con atrancos para ser empregado como material didáctico nas aulas, por mor da orde de "neutralidade ideolóxica" decretada pola Xunta. Abónase o Goberno galego ás teses da galgante posverdade de índole trumpista, asumindo a reescritura da historia e, tacitamente, o mantra dos novos tempos: "Con Franco se vivía mejor", inoculado salvaxemente nas camadas novas, refractarias á lectura contrastábel e susceptíbeis á influencia das redes sociais.
Os pos dunha fraudulenta Transición trouxeron a lama na que batuxamos hoxe en día. O branqueamento da ditadura franquista e a impostura das "leis de concordia" alíñanse co terraplanismo, cos antivacinas, coa rexeitamento do cambio climático, coa negación da violencia machista, co integrismo e coa abolición do Estado social, achandándolle o camiño ao reformulado (ou desenmascarado) credo das dereitas –que mesmo renega dos Evanxeos–, retorta ideoloxía fomentadora do individualismo meritocrático, da desigualdade, do belicismo, da intolerancia, do patriarcalismo, do patrioteirismo, do racismo, da xenofobia e do "Sálvese quen poida!".

Éncheme de ledicia a aparición do libro Nietas contra el olvido. Éncheme de felices expectativas a súa difusión e as diversas presentacións que se organizarán ao longo e largo do país galego, en Granada ("Lorca somos todos") e no resto do Estado. Éncheme de orgullo ter achegado o meu granciño de area a esta causa común e agradézolles ás promotoras que mo tivesen permitido. Éncheme de orgullo que tres mulleres galegas (Alexandra, Alicia e Fernanda) plasmasen no libro a súa lexítima arela de xustiza. Éncheme de orgullo o Colectivo Capitán Gosende, pois, nas súas fileiras intégranse Fernanda Cedrón Trigo, a neta de Luís Trigo Chao, o Gardarríos, e Alicia Garrido Rodríguez, a sobriña neta de Xosé Darriba Puente, o fillo da Licha –ambos os dous, asasinados polos golpistas–; dúas das cincuenta e seis voces altas e claras que conforman esta fronte popular.


Porque, como ben din Teresa Mª Ortega e Alba Martínez na súa "Introdución histórica": Aún quedan nombres que no se pronuncian, tumbas que no se han encontrado y heridas que siguen supurando en la memoria familiar y colectiva [...] Hay nietas –y también nietos– que heredaron no solo los ojos de sus abuelos, sino también su memoria rota. Son quienes hoy llevan en el pecho la responsabilidad de nombrarlos, de devolverles voz y lugar, de recomponer una verdad fragmentada por la represión, la censura y el pacto del olvido (páx. 15).

E dende o memorial do Campo das Laudas (Cerdedo), afán dos de Capitán Gosende, cumpríndose unha década da súa inauguración (2016-2026) e recén fincado o monólito (5-7-2026) na memoria das cerdedesas Otilia Fernández Ovelleiro e Manuela García Castro –mulleres libres e progresistas, torturadas pola barbarie fascista do 36–, non me subxugo á involución e soño cunha sociedade que, recuperado o siso, se una novamente en prol dos ideais republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade e en prol do ben común.
No concello de Cerdedo (prov. de Pontevedra) non se cumpre a Lei de Memoria Democrática. Nós, netas e netos, non esquecemos.

Alicia Garrido Rodríguez.

Fernanda Cedrón Trigo.

Luís Trigo Chao, o Gardarríos.

O Campo das Laudas (Cerdedo).

O pobo reunido no Campo das Laudas.

Portada do libro Nietas contra el olvido (EUG, 2026).

Xosé Darriba Puente a canda as súas irmás.

Alicia Garrido Rodríguez.

Fernanda Cedrón Trigo.

Luís Trigo Chao, o Gardarríos.

O Campo das Laudas (Cerdedo).

O pobo reunido no Campo das Laudas.

Portada do libro Nietas contra el olvido (EUG, 2026).

Xosé Darriba Puente a canda as súas irmás.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.