Un "venres negro"... para o planeta

29 de novembro 2019
Actualizado: 18 de xuño 2024

Reflexións da Asociación Pola Defensa da Ría para un consumo sostíbel no evento hiperconsumista do "Black Friday"

Reflexións da Asociación Pola Defensa da Ría para un consumo sostíbel no evento hiperconsumista do "Black Friday"

A APDR, integrante do Movemento Galego polo Clima, chama a cidadanía a reflexionar sobre os impactos sociais e ambientais destas xornadas hiperconsumistas que invitan a mercar de forma compulsiva na procura de efémeros momentos de satisfacción, esquecendo non só a realidade de emerxencia climática na que estamos a vivir, senón tamén, que o benestar ten máis que ver coa riqueza e variedade das nosas relacións sociais e con fomentar valores como a solidariedade e a cooperación.

O bombardeo de grandes campañas publicitarias coas promocións especiais do período "Black Friday", créannos falsas necesidades que pouco teñen que ver co obxectivo de satisfacer o noso benestar, mergullándonos nunha vertixe consumista marcada entre outras polos diferentes tipos de obsolescencia (programada, incompatibilidade informática, data de caducidade, estética ou modas, ...) presentes en case
todo, e un culto á velocidade dun consumo fácil e inmediato como forma de evitar ou compensar a frustración e a insatisfacción.

E ao venres negro, séguelle un mes aínda máis escuro polo seu impacto ambiental, concentrando o maior pico de consumo anual coma se o planeta non tivera límite: aceleración do cambio climático, esgotamento de materias primas, degradación a nivel territorial e social, perda de autosuficiencia, maltrato animal, ...

Fronte a este modelo de produción e consumo, a APDR propugna un consumo responsábel e respectuoso coa sustentabilidade socioambiental:

- Por un consumo crítico e consciente. Infórmate do que mercas: ten en conta a procedencia das materias primas, as condicións laborais na que foi elaborado, os impactos ambientais e sociais da súa produción e distribución (incluído o tipo de embalaxe), os impactos potenciais do se uso e abuso na saúde, ...

Canto máis local sexa o noso consumo, máis doado será conseguir esta información, así como poder reducir o seu impacto ambiental e social. Pon na túa mesa produtos locais e de tempada, evitando grandes cantidades que despois terás que tirar. O consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e repercute nos teus veciños e veciñas máis próximos.

- Merca o que sexa realmente necesario para vivir mellor: aínda que das famosas 3 erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) a que máis se difunde é a de Reciclar, con todo, é moito menos importante que Reducir.

A redución do consumo é imprescindíbel para ir cara unha sociedade máis sostíbel que mude o modelo de consumo desbaldidor e dogmaticamente desenvolvementista baseado na produción constante de novas "necesidades".

- Se agasallas mascotas, prima a adopción (mellor dun refuxio de animais) e ten en conta que a poidan coidar axeitadamente toda a súa vida. Ademais, evita agasallar animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo, e porque a súa liberación no noso medio pode causar graves danos nos nosos ecosistemas.

A espiral consumista non nos fai máis felices; un consumo responsábel e respectuoso coa sustentabilidade socioambiental, axúdanos a vivir mellor con menos. 

 

Pontevedra, 28 de novembro de 2019
Xulio Carmona, pola xunta directiva da APDR