Á venda protocolos en bo estado, algúns deles sen estrear

17 de novembro 2025

Marta Rodríguez Engroba escribe sobre "persoas para as que acudir ao seu traballo cada día é un auténtico pesadelo, porque son humilladas, aldraxadas, explotadas... polos seus compañeiros ou polos seus superiores"

Non é por gabarme, nin moito menos, pero creo que desta volta atinei de cheo co título deste artigo, porque se de algo andamos sobrados neste país noso é, xustamente, de protocolos.

Vivimos, amigas e amigos, en "Protocolandia".
Temos un para cada circunstancia... como mínimo.

Para previr e detectar a violencia de xénero (na sanidade, nos centros de ensino, nas empresas, no seo das FCSE...), para o bullying (acoso escolar), para o mobbing (acoso laboral), para previr o suicidio, para o acoso inmobiliario, etc, etc, etc.

Malia todo isto, a violencia de xénero non deixa de medrar, deixando ao seu paso un regueiro de sangue de mulleres que se alonga día tras día.

Cada vez son máis os rapaces e rapazas, nenos e nenas, que, vivindo un auténtico e insoportable inferno diario nas súas aínda moi curtas vidas, ao non atopar axuda en ningures, deciden que rematar con elas é a súa única opción.

Persoas para as que acudir ao seu traballo cada día é un auténtico pesadelo, porque son humilladas, aldraxadas, explotadas... polos seus compañeiros ou mesmo polos seus superiores, pero que, por máis que pidan axuda, non só non son escoitadas, senón que son culpabilizadas e teñen que sobrevivir como sexa...

Outras que, non atopando sentido á súa vida e, tras pedir axuda desesperadamente con moreas de sinais que non son entendidas nin atendidas por ninguén, incluídos os que crearon eses protocolos, de feito, eses son os que menos o fan, porque para eles é simple palabrería e unha escusa para o postureo o día D, deciden rematar con ela.

Familias ou persoas que son expulsadas dos seus fogares utilizando os métodos máis crueis como privalos dos recursos máis imprescindibles, volvendo a súa vivenda inhabitable ou contratando auténticos sicarios que poñen as súas vidas en serio risco, na procura dos intereses dos propietarios.

E si, para evitar todo isto existen protocolos.

Uns protocolos que custa unha pasta gansa elaborar, para os cales se fan centos de "estudos" nos que se gastan miles e miles de euros, que todos pagamos dos nosos petos, e para os cales, curiosamente, é das poucas veces que os políticos abandonan os seus confortables despachos, porque se ve que se concentran mellor en hoteis ou restaurantes de luxo, dando conta de suculentos almorzos ou xantares que tamén lles pagamos nós, evidentemente, e que, tras dixerir adecuadamente, que non é cousa de precipitarse, anuncian aos medios coma se descubrisen a pedra filosofal ou o remedio para todos os males, tanto ten.

Os problemas, os verdadeiros problemas, aparecen cando comezan a darse situacións nas que sería, nas que é, de vital importancia activar e poñer en marcha eses protocolos que elaboraron cunha linguaxe moi "florida", que soou estupendamente diante das cámaras e dos micrófonos e deu gusto ler nos xornais, pero que poñelos a funcionar xa é fariña doutro costal, porque implica non só traballo, senón compromiso, un compromiso que se nomeou ata a saciedade no momento de presentalos, pero que implica "mollarse" e, porén, provoca que moitos intereses se cambaleen.

Aí xa a cousa cambia.
Chegado ese momento, todos ou case todos os que deberían mobilizarse de inmediato para tentar paliar esa situación, miran para outro lado, tentando, iso si, atopar unha fenda, por pequena que sexa, para eludir toda responsabilidade, pero aferrándose aos seus cargos e cadeiras con todas as súas forzas, porque, como sempre di un gran amigo meu, do que aprendín e continúo a aprender moito, a dignidade non se merca na farmacia, e un acto tan digno como sería retirarse a tempo, non é algo que se contemple nin de lonxe.

Vivir de luxo, malia que sexa xogando con moitas vidas e cobrando outras, non é algo que se poida poñer en risco baixo ningunha circunstancia.

Que llo pregunten, senón, entre outros, á señora ministra de Igualdade, que, supoñemos, durmirá estupendamente polas noites, porque a conciencia tranquila polo traballo ben feito é o que ten, que axuda a descansar (Ironía en modo "on", obviamente).

A súa xa nefasta xestión en violencia de xénero acabou por poñerse aínda máis de manifesto ante os reiterados fallos das pulseiras antimaltrato, mentindo sen escrúpulo ningún, alegando "fallos puntuais" cando todos os que traballamos directamente coas vítimas sabemos que non é certo, que a situación é moito máis grave e para nada tan "puntual", senón que xa vén de moi atrás.

Di que as vítimas estiveron protexidas en todo momento polas FCSE, porque se activou, faltaría máis!, o protocolo pertinente.

A ver, Sra. Redondo, explíquenos en que momento minte máis, neste ou naqueles nos que, cando unha muller dada de alta no sistema VioGén é agredida ou asasinada por non estar debidamente protexida, se alega falta de efectivos policiais, ou agora, que, polo que se ve, eses efectivos aparecen coma fungos, saíndo ata de debaixo das pedras, para protexer a todas e cada unha das vítimas.

Pero, por se isto non abondase, a ministra aínda ten máis que dicir e, lonxe de recoñecer a gravidade desta situación, permítese o luxo de poñerse "estupenda" e ter máis que dicir ante as recriminacións que se lle fan, que poucas son para as que merece.
Ese é o respecto que lle merecen as vidas de mulleres coma ela.

E non vai acabar aquí a cousa, non, porque pase o que pase, creo que a ninguén nos cabe ningunha dúbida de que o vindeiro 25N a veremos abandeirando a "loita" contra a violencia de xénero, coma a moitas outras máis, todo hai que dicir, porque a hipocrisía e a ambición non coñecen límites, nin teñen freo ningún.

Non lle imos preguntar, Sra. Redondo, por que non ten un mínimo de dignidade e se vai para a súa casa, porque é evidente. Porque non a ten.

Pregue porque a vida non lle devolva o que está sementando, a vostede ou a ninguén a quen vostede queira.

Créanos que, malia todo, non llo desexamos porque para iso hai que ser cruel, moi cruel, tanto como o é vostede.

Asociación Si, hai saída