Durante o camiño cara á purificación, intentei mergullarme no mar a noite de San Xoán, o meu corpo foi poñéndome as cousas moi difíciles, pide un mínimo de 22 graos e a auga creo que non pasa dos 16. Con 20 anos saltaba as ondas sete veces, agora introduzo o pé, chego ata os xeonllos, pero cando o líquido chega á liña de flotación fuxo despavorido. Ante ese panorama fágome valer dun certificado médico que presento ante os deuses que xustifica o meu disconfort térmico e os danos colaterais que provocarían no meu maltreito organismo. Saltar a fogueira en número impar é algo que realizo facilmente non sen notar un ominoso renxido nas costas. Nada que non poida reparar unha boa ración de sardiñas e a queimada co correspondente feitizo que recita sabiamente o esconxurador.
Pretendía protexerme dos espíritos, o mal de ollo e a bruxería, pero antes tiven que cumprir cos outros dous elementos icónicos da noite do 24 de xuño, a auga e as herbas. Aproveito esta fiestra para propoñer a creación dunha aplicación que nos permita localizar os mananciais galegos, antes tan doados de atopar, agora recollela de sete fontes distintas é esgotador, máxime coa calor que nos acompaña nestes días. De non ser así, suxiro ao que dita a tradición, ás meigas ou a quen corresponda que nos permita recollela de sete billas, á fin e ao cabo como dicía o meu pai “o auga é auga”.
O ingrediente máis máxico son as herbas, colleitalas o día 23 é algo especial, xa hai emprendedores que as venden en ramos, pero nada hai como un baño de bosque e entre arbustos para atopalas. Outros anos o hipérico faise de rogar, sen el como protagonista central, a infusión perde moitas propiedades, xa que escorrenta ao demo e á tristeza, non foi así este 2026 que por sorte, prolifera en todos os lugares.
Lavarse a cara á primeira hora da mañá con esa mestura de auga e herbas, despois de que o sereno da noite e o solsticio aumenten o seu poder non só é refrescante nese momento, senón que unha semana despois nótome máis novo e guapo. Na práctica cancelei a miña cita coa clínica de rexuvenecemento, as cremas antiarrugas foron ao recuncho de pensar e todo o mundo sorrí ao verme pasar. Feliz verán amigos e amigas.