Xa pasou o día, e agora que...? Todo arranxado?

29 de novembro 2025

O 25N tamén deixou testemuña de como unha das canles de TV que se autoproclamou, hai xa algún tempo, como "foro experto en violencia de xénero"

Pois si, chegou o 25N, pasou, deixándonos as fotos de rigor das numerosas manifestacións, e o eco das reivindicacións, entre outras cousas, como, por exemplo, a imaxe dunha sorrinte ministra de Igualdade, Ana Redondo, que así de "estupenda" como é ela, e facendo gala da "humildade" que a caracteriza, malia a "impecable" xestión que está a desempeñar (agardo que a ironía non pase desapercibida) non se cortou nin un pelo en presidir o acto institucional, "esquecendo", por mencionar tan só un exemplo dos seus "éxitos", dar ningún tipo de explicacións sobre as medidas que se están a tomar en canto aos reiterados fallos das pulseiras de "protección" ás vítimas de violencia machista en risco extremo, se é que se está a tomar algunha, e malia non asumir a súa responsabilidade nestes gravísimos fallos que tantas vidas poden custar, en ningún momento.

O 25N tamén deixou testemuña de como unha das canles de TV que se autoproclamou, hai xa algún tempo, como "foro experto en violencia de xénero" polo que desfilan presuntas vítimas de violencia machista, case todas vellas glorias do famoseo ou aspirantes a este (ollo, non estou a dicir se as historias destas mulleres son ou non certas, xa que, evidentemente, eu non o sei), emitindo, esa mesma noite, no "prime time" o seu "edificante programa", máis noxento cada vez "La isla de las tentaciones", toda unha oda, onde as haxa, á violencia machista e ás relacións tóxicas, e que é, por desgraza, un dos programas favoritos da mocidade, algo que, francamente, non é de estrañar desde o momento no que mamá e papá son os seus ferventes seguidores, principalmente, claro, os dos concursantes, algúns dos cales acoden a defendelos aos debates no plató falando do comportamento dos seus fillos e fillas no reality coma se falaran dunha tese doutoral, e pregando para que teñan "sorte" e saian dese lamentable espectáculo, no que se trata a muller coma un anaco de carne con ollos e aos homes coma a reencarnación do mesmísimo Otelo, directos a un "carreirón" como tertulianos. Para que alentalos a estudar, a formarse, a ser boas persoas, se é moito máis rendible soltar lixo pola boca... pero ben guapos e cos retoques estéticos pertinentes. Hai que ir na procura dos cartos fáciles. Absolutamente lamentable.

Pero isto non foi o peor, nin moito menos. O peor foi que o día 26, o seguinte ao día D, espertamos coa noticia dun novo asasinato machista, esta vez en Campillos (Málaga), onde un home estrangulou a súa parella, porque se ve que a este asasino non lle dixeron que está moi feo matar mulleres nestas datas, e non lle preguntaron se non lle daba vergoña facelo, se non, o mesmo desistía. Tráxico, moi tráxico todo, e moi vergonzoso.

E todo isto ás portas do mes de decembro, co que isto implica.

Este ano, entre as pontes, fins de semana e festivos de Nadal, as vítimas de violencia de xénero, e os seus fillas e fillos, estarán desprotexidos, como cada ano, durante nada máis nin nada menos que 27 DÍAS, é dicir, case un mes, coas Ufam baleiras, e os xulgados baixo mínimos, pero disto non se fala, nin o 25N nin nunca.

Os políticos falan de recursos, así como as cabezas visibles de certos colectivos... Que recursos? Económicos? Porque aquí semella que, cando se fala de recursos, todo se reduce a cartos, que, evidentemente, son necesarios, pero volvemos ao de sempre, de que serven se os responsables de facelo non son quen de dar o golpe na mesa e dicirlles aos policías da Ufam ben alto e ben claro: "Non, señoras e señores, nada de marchar de vacacións todos á vez, porque é sabido o risco tan elevado para as vítimas que implican estas datas, e cando falamos de vítimas estamos a facelo tamén dos seus fillos e fillas!" Ou, no seu defecto, de que outros axentes os substitúan.

Alguén se pode poñer, malia que sexa por un momento, na pel destas mulleres se son agredidas e acoden á comisaría a denunciar, atopándose con tal panorama, da súa desesperación?

Tamén é certo, e, en honra á verdade, que non podemos agardar moito máis dos membros dunha institución extremadamente machista, que sempre o foi, segue a selo, e seguirá, cando desde os colectivos que se supón son todo o contrario, o mutismo é total, porque, como xa dixemos moitas veces, berrar na rúa contra a violencia institucional, así, en xeral e en abstracto, é unha cousa, pero agarrar o touro polos cornos, outra moi diferente, e isto, mirade por onde, somos nós, as que elas mesmas nos tratan de fascistas, fachas, machistas, etc., as únicas que o facemos.

Así nos vai, obviamente, pero ese é o outro debate. Abonda con dicir que estamos a actuar coa mesma coherencia desde que botamos a andar, que así seguiremos e que a nosa prioridade, obviamente, continúa a ser as vítimas, e os seus fillos e fillas.

O postureo non é algo que vaia con nós, agás, por suposto, que nos impida atender ás vítimas como sería de desexar, algo que, polo menos na nosa cidade, sucede con frecuencia, e supoñemos que non será na única, lamentablemente.

O resumo, o triste resumo, é que chegou o 25N, pasou, e todo continúa exactamente igual. Agora, as prioridades, entre o "black friday", as viaxes da ponte da Constitución, os agasallos e os banquetes do Nadal, as prioridades son outras. Das vítimas, da violencia de xénero, quen se acorda xa? Se acaso, alá, de cara ao 8M, xa se lle dará outra volta. Tampouco é cousa de agobiarse, e, se en decembro pasa algo irreparable, un paréntese nos idílicos días de Nadal, minuto de silencio, foto, e punto... Ou mesmo se agarda a volta de vacacións e xa se fai, de ser preciso, un que vaia por todas as que xa non o celebrarán máis.

Asociación Si, hai saída