O podcast 'Cos 5 sentidos' pon a atención esta vez nunha muller sueca que na segunda metade do século XX adquiriu o Pazo do Cadro, situado na parroquia de San Tomé de Piñeiro de Marín. Esa muller chamábase Christina Lilliestierna, era xornalista, reporteira de guerra e decidiu dar un xiro vital xunto á súa parella. O azar fixo que a súa intención de adquirir un "castelo en España" concretásese ao acubillo da ría de Pontevedra.
Relatou aqueles primeiros anos no Pazo do Cadro no libro 'Vivir na fin do mundo' escrito en sueco e que se traduciu ao galego, primeiro por Xerais e despois por Rinoceronte Editora. Reconstruímos a biografia de Lilliestierna xunto á súa amiga e tradutora dese libro (con Camiño Noia), Marta Dalhgren.
O Pazo do Cadro, tras a morte de Lilliestierna, continúa abandonado desde a venda feita polos seus fillos. Adquirido por unha entidade bancaria, ningunha administración deu paso en firme para o seu adquisión e rehabilitación e tampouco ningunha iniciativa privada prosperou.
Segundo indica Turismo da Xunta é un pazo construído entre os séculos XV e XVIII. É o pazo máis antigo de Marín. Aparece aforado en 1590 a Vasco de Romay.
* Para a realización deste podcast utilizáronse como fontes: 'Vivir na fin do mundo' de Rinoceronte Editora; revista dixital alba.nu; 'Sociología dunha revolución' de Frantz Fanon; Turismo da Xunta e testemuños como o de Marta Dahlgren sen quen este episodio non tería sido posible. Temas musicais de: Desifreemusic e Onoychenko music. Trailers de: 'O turismo é un gran invento', 'Coidado coas señoras', 'Manolo a nuit'. Agradecementos a: Marta Dahlgren, Rinoceronte Editoria e Tensi Gesteira.
'Cos 5 sentidos' é unha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence (#enceplansocialpontevedra).