Transportes vai testar na N-640 en Caldas un innovador pavimento ecolóxico

Umia
25 de xuño 2025

Abel Losada valora a adxudicación da obra de 2,3 millóns de euros para esta mellora. O material vaise testar simultaneamente con cinco actuacións en Galicia, Asturias, Cantabria e A Rioxa

Visita de Abel Losada, Juan Manuel Rey e Jacobo Pérez á N 640
Visita de Abel Losada, Juan Manuel Rey e Jacobo Pérez á N 640 / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

A estrada N-640 vaise asfaltar ao seu paso por Caldas cun novo pavimento ecolóxico que o goberno estatal vai testar simultaneamente con cinco actuacións en Galicia, Asturias, Cantabria e A Rioxa.

Así o deu a coñecer este mércores o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Losada informou ao alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, da adxudicación do contrato para o acondicionamento de 8,6 quilómetros da N-640 coa aplicación deste novo pavimento.

Explicou que as obras terán un importe de 2.296.502 euros e un prazo de execución que será de 10 meses.

Os primeiros catro meses correspóndense coa redacción do proxecto e os seis últimos coa execución.

A actuación forma parte do programa EFAPAVES (Pavimentos Asfálticos Eficientes), un proxecto integral que busca mellorar a seguridade viaria, garantir a duración das infraestruturas e reducir a pegada ambiental do sector do transporte cun novo tipo de mesturas bituminosas en liña cos obxectivos de descarbonización e sustentabilidade impulsados polo Ministerio de Transportes.

Os tramos nos que se aplica o programa foron seleccionados en función de varios criterios, tendo en conta o deterioro do firme, pero tamén a intensidade media diaria de paso de vehículos pesados. 

Os traballos incluirán o fresado do actual firme e a súa reposición integral.

Losada lembra que, en paralelo, está en redacción o proxecto de renovación da N-640 na zona norte da provincia anunciada polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, durante unha xuntanza mantida o pasado mes de febreiro co alcalde de Cuntis, Manuel Campos.

Vai supoñer asfaltar a vía na contorna de Cuntis e A Estrada.