1.500 persoas súmanse á marcha nocturna e solidaria da Pontevedrada 2018

Pontevedra
28 de abril 2018

Durante toda a noite percorrerán 63 quilómetros a través do Camiño de Santiago Portugués coa intención de promover a doazón de sangue, órganos e tecidos.

Pontevedrada 2018
Pontevedrada 2018 / Mónica Patxot

1.500 persoas sumáronse á oitava edición da Pontevedrada e este sábado partían desde a praza da Ferrería con rumbo a Santiago de Compostela. Durante toda a noite percorrerán 63 quilómetros a través do Camiño de Santiago Portugués coa intención de promover a doazón de sangue, órganos e tecidos.

A organización desta marcha non competitiva corre a cargo de ASAMPO, a Asociación de Amigos da Pontevedrada, que nesta ocasión tamén promoveu un concurso fotográfico de imaxes relacionadas con esta camiñada.

Entre os participantes na praza da Ferrería atopábase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. A inscrición á proba é de cinco euros e a recadación será destinada a dar soporte ás iniciativas solidarias que promove ASAMPO, que tamén colabora con outras organizacións que necesitan axudas económicas ao longo de todo o ano para desenvolver o seu labor.

Ao longo de toda a marcha nocturna, os participantes contan con apoio de voluntarios da Pontevedrada. Poderán aproveitar as paradas establecidas para descansar e tomar un refrixerio, ademais de contar con osteópatas para calquera necesidade médica. A organización cobre a ruta con varios vehículos de asistencia para calquera urxencia que poida xurdir.

Agárdase que os máis veloces cheguen á Praza do Obradoiro a primeiras horas da mañá deste domingo.