A concelleira Carme da Silva, sinalaba este martes que o Concello de Pontevedra cumpriu con todos os trámites para optar á convocatoria para recibir os fondos europeos DUSI correspondentes ao período 2014-18. Con todo, alertaba de que o manual de procedemento definitivo para coñecer a fórmula para lograr eses fondos aínda non foi aprobado polo Ministerio de Facenda xa que os criterios de selección de accións e a rede informática na que hai que introducir os datos non están dispoñibles.
Ante esta situación, o goberno local de Pontevedra decidiu introducir os proxectos que, entenden, non deberían atopar problema algún para lograr a autorización. Trátase de dez proxectos que, no caso de que non fosen autorizados, cubriríanse con fondos propios das arcas municipais.
Carme da Silva afirmou que calcula que a finais deste ano ou a comezos de 2018 coñecerase a resolución. A concelleira indicaba que con esta decisión de iniciar os proxectos evítase correr o risco de non executar durante este ano iniciativas que poden incluírse nestes fondos.
As actuacións previstas teñen un custo próximo aos 5 millóns de euros, que se destinarían aos seguintes proxectos:
- O pavillón multiusos da Xunqueira
- A obra da ponte do Burgo e do Gorgullón
- O campo de billarda de Salcedo
- O campo de fútbol de Campañó
- O parque forestal da Fracha
- O núcleo de centralidade parroquial de Tomeza
- Asistencia para os traballos previos para o transporte público a demanda
- O plan de dinamización do mercado de abastos, cuxo proxecto se atopa realizado a falta de saír a contratación.
- Implementación do Plan de Igualdade
- Fomento de Pontevedra como cidade dos nenos
Se se conceden os fondos europeos, o Concello só achegará o 20% do financiamento. Se se perden os fondos DUSI, entón será o goberno local o que afronte todos os gastos.