10N: Caída notable da participación dos pontevedreses nas eleccións xerais

Pontevedra
10 de novembro 2019
Actualizado: 18:43

Ás seis da tarde, hora na que se fixo público o último avance de participación, pasaran polos colexios electorais da provincia un total de 423.832 persoas, un 54,85% do censo da provincia de Pontevedra. Son máis de cinco puntos menos que o pasado mes de abril

Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N
Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N / Diego Torrado

Como indicaban todas as enquisas, a baixada da participación está a ser a tónica xeral nas eleccións deste domingo en toda España. Iso si, os pontevedreses estamos a ser aínda máis remisos a acudir ás urnas, segundo reflicten os datos de participación.

Ás seis da tarde, hora na que se fixo público o último avance de participación, pasaran polos colexios electorais da provincia un total de 423.832 persoas, un 54,85% do censo da provincia de Pontevedra.

Estes datos, que desvelou o Ministerio do Interior, son máis de cinco puntos menos que os que votaran á mesma hora nos comicios anteriores, celebrados o pasado mes de abril.

Naquel momento, durante o mesmo periodo votaran un 60,28% dos pontevedreses, é dicir, un 5,43% menos que hai sete meses cando se alcanzou a participación máis alta nunhas eleccións xerais desde o ano 1993.

No primeiro avance de participación, coñecido ás dúas da tarde, votaran 254.218 persoas, un 32,91% do censo de Pontevedra.

 

O cansazo dos electores ante as continuas chamadas ás urnas nos últimos meses e as malas condicións climatolóxicas que se rexistran este domingo son dous dos factores que explican esta caída da participación.

No global de Galicia a participación é aínda menor que en Pontevedra, ao acudir ata as seis da tarde un 53,28% da electores fronte ao 58,91% de abril. Pola súa banda, no conxunto nacional, votaron xa un 56,86% dos españois. Son case catro puntos menos que nas anteriores eleccións cando votara un 60,74% do censo.