Poio tiña a 31 de decembro de 2024 un total de 17.443 habitantes. Non hai datos exactos de poboación a día de hoxe, pero si a confirmación de que, entre xaneiro e marzo, naceron 13 novos bebés que aumentaron o padrón.
Estes datos facilitounos o Concello de Poio este sábado con motivo do acto de entrega da Caixa Benvida aos trece bebés nados entre xaneiro e marzo no municipio.
O alcalde, Ángel Moldes, deu a benvida a estes bebés nados no primeiro trimestre do ano nun acto no que entregou ás súas familias unha caixa que "simboliza a aposta deste Goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida".
Moldes trasladou os mellores desexos a Aisa, Enzo, Dylan, Izar, Evan, Mía, Brais, Elif, Carlota, Óscar, Máximo, Nora e Juan e ás súas familias, aos que entregou un agasallo que inclúe contos e outros produtos infantís para os coidados da primeira etapa.
Desde xuño de 2023, o Goberno local xa fixo entrega de un total de 113 caixas benvidas a outros tantos bebés nados neste período e ás súas familias.
O alcalde agradeceu a todas as persoas presentes que aposten por este concello para establecer os seus fogares e crear os seus proxectos de vida. "Estamos empeñados e traballando para converter Poio nun lugar cómodo para nacer, para crecer, para vivir... Queremos que sexa un concello con oportunidades, dinámico e con servizos de calidade".
Durante o acto, explicou que a revisión do padrón municipal aprobada este mes confirma que Poio consolida o seu crecemento poboacional, ao alcanzar os 17.443 habitantes e superar o seu tope histórico.
De todas as persoas empadroadas no municipio a 31 de decembro de 2024, o 49% son homes (8.545) e o 51% mulleres (8.898).
A poboación pasou de 17.424 habitantes a 1 de xaneiro de 2024 a 17.443 en decembro dese mesmo ano. A maior parte dos novos empadroamentos son de persoas que cambiaron a súa residencia desde outros concello, "demostrando que Poio continúa espertando interese noutras vilas e atraendo a moita xente".
Así, o 76% das novas altas producidas ao longo de 2024 no padrón son de persoas que cambiaron a súa residencia desde outros municipio. Dentro do municipio, houbo 380 cambios de domicilio.