Pouco antes das tres da tarde do 23 de xullo un forte ruído procedente do interior dun edificio deshabitado facía saltar as alarmas. Acababa de derrubarse parte do tellado e os tabiques e, por prevención, acordoáronse e apuntalaron as fachadas que dan ás prazas da Verdura e A Leña. Xusto unha semana despois, este mércores 30 de xullo, a escena é ben diferente. Catro obreiros traballan dende o luns para baleiralo por completo e, desta forma, evitar que se caia. Dous días despois consideran que o perigo de colapso pode darse por superado, pero aínda teñen moito por facer: calculan que retirarán 130 toneladas de entullos.
Valos de obra protexen ambas as dúas fachadas e seguen apuntalados, pero precintos, estadas e reixas non impiden que os curiosos se asomen para intentar descubrir que pasa no interior. A trasfega é continua e en dous días e medio veciños, hoteleiros e comerciantes xa viron alí estacionados oito camións. Non son de gran tamaño polas dificultades de acceder a esta céntrica zona do casco histórico, pero todos marcharon cheos e os traballadores calculan que se levaron xa 30 metros cúbicos de tellas, ladrillos, ferros, madeira, cemento... ou, o que é o mesmo, 30 toneladas de lixo.
Os traballos estaos a realizar a empresa Ediserpo por encarga do Concello de Pontevedra, que xusto despois da derruba parcial decidiu contratar o baleirado completo do edificio para garantir a seguridade dos viandantes e dos edificios contiguos, construídos parede con parede e que se podería ver afectados ante un novo derrubamento. A factura pagarana os novos donos do edificio, pero no momento non puideron ser localizados e tívose que tomar esa decisión de emerxencia tras comprobar que a estrutura estaba afectada.
As 30 toneladas de entullos que xa se retiraron cambiaron por completo o aspecto interior do inmoble, no que xa penetra unha intensa luz natural. Da cuberta case non queda rastro, pois, segundo explicaron os traballadores a PontevedraViva, neste tipo de situacións, cando un edificio neste estado xa sufriu unha derruba parcial, hai que empezar o baleirado de arriba a abaixo. Neste caso, puideron comprobar que cederan as vigas e xa tiraron todos os pisos e paredes interiores que podían supoñer algún perigo.
O encargado da obra calcula que os traballos de baleirado durarán unhas dúas semanas, nas que prevén retirar outras 100 toneladas de cascallos, pero a súa tarefa prolongarase durante un mes, pois, unha vez baleiro, haberá que poñer vigas provisionais no interior, asegurar a estrutura e logo retirar os puntais que agora suxeitan as fachadas.
Finalizado o seu labor, o aspecto exterior do inmoble será o mesmo que o 23 de xullo antes do forte ruído, pero dentro non haberá nin punto de comparación. Quedará como un espazo diáfano de 130 metros cadrados e tres alturas pola fachada da Verdura e dous e unha bufarda pola Leña. E terán desaparecido os entullos, pero tamén os mobles que aínda quedaban no o edificio malia levar anos deshabitado, quilos e quilos de libros, cantidades inxentes de lixo e mesmo unha moto.