14.720 euros para mercar novos colectores de recollida selectiva en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
13 de agosto 2017

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai adquirir novos lotes de contenedores para envases lixeiros e papel-cartón co obxectivo de impulsar a selección de residuos e favorecer a reciclaxe. Será posible a través de dous convenios de colaboración entre o Concello e Ecoembes 

Colectores de recollida de lixo Pontevedra
Colectores de recollida de lixo Pontevedra

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai adquirir novos lotes de contenedores para envases lixeiros e papel-cartón co obxectivo de impulsar a selección de residuos e favorecer a reciclaxe. En total, investiranse 14.720 euros, dos que 6.270 serán para os de envases lixeiros e os 8.450 restantes para os de papel-cartón.

Esta adquisición será posible a través de dous convenios de colaboración entre o Concello e Ecoembes, que será a entidade que sufragará o custo destes depósitos de almacenamento.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o director de xestión local de Ecoembes, Ángel Hervella, xa asinaron os dous acordos, que buscan incrementar o depósito axeitado deste tipo de residuos e aumentar a porcentaxe de materiais reciclados.

Os convenios especifican que os contenedores serán de nova implantación e, en ningún caso, os fondos serán para a reposición dos existentes que poidan estar deteriorados. O Concello de Cerdedo-Cotobade está obrigado a adquirir os contenedores e a colocalos na vía pública nun prazo máximo de tres meses.

O Concello tamén se compromete a manter actualizado o inventario dos contenedores, a garantir a prestación axeitada do servizo de recollida selectiva evitando os desbordamentos e a manter limpos os contenedores e a súa contorna.

Jorge Cubela destacou que estes dous convenios son un novo paso a prol do coidado do territorio e das súas condicións, "un aspecto no que estamos á vangarda e no que somos líderes a nivel galego".