14 empresas aspiran a mellorar o firme de estradas autonómicas das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas

Pontevedra
27 de maio 2020

A actuación prevista pola Xunta de Galicia, licitada por máis dun millón de euros, ten un prazo de execución de catro meses e acometerase neste 2020

Maquinaria de mellora de firme dunha estrada
Maquinaria de mellora de firme dunha estrada / PontevedraViva

Catorce empresas presentaron as súas ofertas para levar a cabo as obras de reparación do firme en diversas estradas autonómicas nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas de Reis. Estes traballos contan cunha licitación dun millón de euros e afectarán os municipios de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro, Meis, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e Poio.

Segundo auncian desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta estes traballos terán unha duración de catro meses e executaranse durante este 2020. Trátase de obras de reparación de tramos das estradas PO-223, PO-224, PO-300, PO-305, PO-308 e PO-309.

A intención é mellorar o firme naquelas zonas nas que a capa de rodadura presente deficiencias ou se atope erosionada. A Xunta indica que tamén se repoñerá a sinalización horizontal en diversos puntos co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a  comodidade na circulación por estas estradas.

Entre outros traballos está prevista a intervención na PO-308, Pontevedra-A Lanzada con diferentes actuacións de mellora nos puntos quilométricos 17+350 e 17+405, 18+332 e 19+000, 17+405 e 18+332, así como entre os puntos 17+350 e 19+000.

As obras afectarán tamén á estrada autonómica entre Pontevedra e Campo Lameiro; na que une Ponte Bora con San Antoniño; a de Mosteiro-Cambados e a que transcorre entre Saiar e Vilagarcía, así como na  PO-308 na súa unión coa AP-9 no municipio de Poio.