14 salóns de peiteado, barberías e centros de maquillaxe levarán este sábado o mellor 'look' á rúa con 'Rizando o Rizo'

Pontevedra
08 de maio 2019

Esta actividade forma parte do programa A Pé de Rúa e vai celebrarse este sábado 11 entre as 16.30 e as 20.30 horas entre a praza de Ourense e A Ferrería con diversas propostas estéticas para escolares e para adultos con demostracións gratuítas ou moi económicas

A concelleira Anabel Gulías e a presidenta de 'Máis que Cabelos', Beatriz Pintos, presentan 'Rizando o Rizo'
A concelleira Anabel Gulías e a presidenta de 'Máis que Cabelos', Beatriz Pintos, presentan 'Rizando o Rizo' / Mónica Patxot

A proposta 'Rizando o Rizo' chega este sábado 11 á praza de Ourense e á Ferrería coa instalación de 14 stands no que figuran salóns de peiteado, centros de maquillaxe, barberías e tendas especializadas en estética.

Desde as 16.30 ata as 20.30 horas, estes espazos ofrecerán diversas actividades para escolares e para adultos coa intención de poñer en valor estes establecementos de beleza.

Segundo Beatriz Pintos, presidenta da Asociación provincial Máis que Cabelos, realizan un "labor social" ao permitir que moitas persoas que se achegan tristes a un salón de peiteado regresen contentas as súas casas. Nesta ocasión, as persoas que vaian ata a Ferrería poderán comprobar o funcionamento de técnicas cada vez máis empregadas como a depilación con fío.

Este mércores, Beatriz Pintos e a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías presentaban 'Rizando o Rizo', unha cita sectorial do programa A Pé de Rúa, que impulsa o Concello de Pontevedra co obxectivo de dar máis visibilidade ao comercio local.

PIDEN UNHA BAIXADA DO IVE

Nesta presentación, Beatriz Pintos reclamaba unha baixada do IVE porque desde que se levou a cabo a suba en setembro do ano 2012, o sector sufriu un importante retroceso en investimentos para adquirir nova maquinaria e, sobre todo, provocou despedimentos.

A presidenta de 'Máis que cabelos' sinalou que unha suba como a que efectuou o ministro Montoro dun 8% a un 21% provocou unha situación moi complicada para estos profesionais que continúan a sufrir graves dificultades para soportar a presión fiscal.