142 familias de Sanxenxo recibiron tarxetas de emerxencia durante o estado de alarma

Sanxenxo
23 de xuño 2020

Nestas unidades familiares ás que o Concello presta axuda, hai 92 menores e 224 adultos. O obxectivo é que ningunha familia que vexa minguados os seus recursos pola actual situación non poida seguir cubrindo as súas necesidades de alimentación e hixiene

O alcalde Telmo Martín visita as oficinas de Servizos Sociais
O alcalde Telmo Martín visita as oficinas de Servizos Sociais / Concello de Sanxenxo

As tarxetas de emerxencia activadas polos servizos sociais de Sanxenxo para a compra de alimentos e produtos de primeira necesidade foron entregadas a 142 familias durante o estado de alarma decretado pola COVID-19.

As tarxetas comezaron a concederse en abril e foron 109 familias as que renovaron a axuda. Servizos Sociais xa prestaba axuda de emerxencia social a 33, pero o número viuse incrementado durante a crise sanitaria.

Nestas unidades familiares ás que o Concello presta axuda, hai 92 menores e 224 adultos.

Os beneficiarios destas axudas deben realizar a compra no supermercado Eroski, establecemento co que o Concello subscribiu un convenio.

O obxectivo é que ningunha familia que vexa minguados os seus recursos pola actual situación non poida seguir cubrindo as súas necesidades de alimentación e hixiene.

O goberno local destina anualmente 50.400 euros ao plan de emerxencia social municipal do que se benefician outras 31 familias.