15.000 euros para restaurar as portas de acceso ao Mercado de Abastos

Marín
28 de decembro 2021

O Concello de Marín indica que parte dos traballos faranse in situ e despois será preciso trasladar as pezas a un obradoiro especializado

Portais do Mercado de Abastos de Marín
Portais do Mercado de Abastos de Marín / Concello de Marín

Coa intención de mellorar a imaxe e estética que presenta o Mercado de Abastos de Marín, o Concello solicitou unha subvención para a restauración das portas principais de acceso ao recinto, que ademais de ofrecer produtos alimentarios converteuse nun punto cultural, etnográfico e gastronómico, segundo indican desde o goberno local.

Está previsto que se interveña en dúas portas de cerraxería  monumentais que dan acceso ás fachadas este e oeste, a través das rúas Serafín Tubío e Exército e Mariña. Son dúas portas idénticas, que presentan un estado de conservación similar, segundo recolle a memoria do proxecto. As carpinterías atópanse nun estado deficiente e presentan problemas de  oxidación. Ademais a pintura de revestimento mostra mal estado, con elementos parcialmente soltos.

A proposta municipal será realizar unha tarefa previa de recuperación dos elementos danados cun repaso á soldadura dos elementos que presenten corrosión ou posibilidades de rotura durante o desmonte e traslado. Cambiaranse as bisagras actuais que sofren roturas continuas, coa consecuente dificultade de apertura.

Unha vez realizados estes traballos, desmontaranse os portais para que sexan tratados nun taller especializado. Someteranse a unha limpeza mecánica mediante chorro en seco e aplicaranse dúas capas de  imprimación e un acabado de pintura co mesmo cor que presenta actualmente. O prezo da reparación ascende a 15.000 euros.