Máis de 150 establecementos da provincia participan na campaña do bono turístico

A Lama
01 de outubro 2025

Cada persoa beneficiaria poderá descargar até 2 bonos de 150 euros cada un, cofinanciado nun 40% pola Xunta de Galicia e un 60% polo solicitante

Agustín Reguera visitó un hotel adherido al Bono turismo Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este mércores o hotel Vila Boutique 1880, na Lama.

Fíxoo para presentar as novidades da nova edición do Bono Turístico, unha iniciativa que busca impulsar o turismo en Galicia de forma máis descentralizada e fóra de tempada alta.

Reguera lembrou que o prazo para utilizar os 16.666 bonos turísticos emitidos pola Xunta comezou o pasado 15 de setembro e estenderase até o 25 de decembro.

Con esta campaña, o goberno galego destinou 1 millón de euros, co obxectivo de mobilizar até 2,5 millóns de euros no sector turístico.

Durante a visita, o delegado destacou o éxito deste programa en anos anteriores, sinalando que foi clave para romper a estacionalidade do turismo e fomentar que máis persoas descubran os encantos de Galicia máis aló dos destinos máis coñecidos.

Ademais, animou aos negocios do sector turístico, como hoteis, casas rurais e axencias de viaxes, a sumarse ao programa, lembrando que o prazo para adherirse finaliza o 1 de decembro.

Poderán facelo todos aqueles establecementos e axencias que teñan sede en Galicia, estean dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) e desenvolvan a súa actividade no sector turístico vinculado á comunidade.

Actualmente, máis de 520 negocios galegos xa forman parte do programa, e deles, máis de 150 están na provincia de Pontevedra.

Para gozar do bono turístico cada persoa beneficiaria poderá descargar até 2 bonos de 150 euros cada un. A Xunta de Galicia achega o 40% (60 euros) e o usuario o 60% restante (90 euros). O bono pódese usar en calquera dos establecementos adheridos, até esgotar o seu saldo.

Para acceder ao bono é necesario ser maior de idade, residir en Galicia e ter un móbil cunha aplicación tipo wallet para levar o bono dixitalmente.

Unha vez feita a túa achega, poderás descargar o bono e utilizalo tantas veces como queiras dentro do prazo e nos locais adheridos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora