18 empresas aspiran á reforma da PO-531, no lugar da Devesa

Pontevedra
17 de novembro 2018

Tamén nesta vía a Xunta ultima a reformulación do proxecto para actuar no treito que descorre polo municipio de Barro, segundo a petición do concello e os veciños

Cores Tourís cos veciños da Devesa Xunta

Un total de 18 empresas presentaron as súas ofertas para a execución da segunda fase de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da estrada autonómica PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra.

O orzamento estimado desta actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, incluíndo as expropiacións dos 52 predios necesarias para a mellora desta estrada que comunica Pontevedra con Vilagarcía, entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+250, rolda os 578.000 euros.

Esta actuación supón darlle continuidade ao acordado cos veciños para a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-531 e iniciada coa execución do acceso ao polígono de Sequeiros, no concello de Barro.

O obxectivo desta obra é reducir a velocidade de circulación para o que se define a execución dunha glorieta de 44 metros á saída do núcleo da Devesa.

Na glorieta entroncarase un ramal de novo trazado, que se conectará coa vía principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central para realizar o xiro á esquerda da intersección do punto quilométrico 6+620.

En relación á actuación a executar no tramo desta estrada, no Concello de Barro, o novo proxecto estará listo a principios do 2019.

Tamén nesta vía a Xunta ultima a reformulación do proxecto para actuar no treito que descorre polo municipio de Barro, segundo a petición do concello e os veciños.