Aproban a expropiación de 25 leiras para construír unha senda peonil na PO-531

Pontevedra
19 de setembro 2019

A Xunta de Galicia licitará a finais deste ano as obras de construción dun itinerario peonil de quilómetro e medio na estrada PO-531 que conectará os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, na parroquia pontevedresa de Alba. Este xoves, como paso previo, o Consello da Xunta aprobou as expropiacións 

Cores Tourís con veciños da Devesa
Cores Tourís con veciños da Devesa / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia licitará a finais deste ano as obras de construción dun itinerario peonil de quilómetro e medio na estrada PO-531 que conectará os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, na parroquia pontevedresa de Alba. Este xoves, como paso previo, o Consello da Xunta aprobou as expropiacións para a execución da senda

Esta senda na estrada PO-531 reforzará a seguridade viaria na contorna e, para a súa execución, aprobouse un decreto de utilidade pública que comprende as expropiacións de 25 fincas. 

Este itinerario conta cun investimento autonómico de case 800.000 euros, incluído o orzamento destinado ás expropiacións. 

O resultado final será un itinerario peonil seguro e accesible que permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa. Executarase en formigón e tera un ancho mínimo de dous metros.

Ademais, executarase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde haxa espazo suficiente, a rede de drenaxe de augas pluviais, unha pasarela sobre o Rego Castrado e muretes de contención de terras para ampliación da plataforma onde sexa necesario.

Esta obra complementa outra actuación de mellora da seguridade viaria que está en execución e cos traballos xa moi avanzados. Así, xa se está construíndo unha glorieta que reducirá a velocidade na estrada e mellorará a seguridade dos xiros.

O Goberno galego iniciou as melloras desta estrada no ano 2017 coa glorieta de acceso ao polígono de Sequeiros e ten programadas novas actuacións de mellora da seguridade viaria no treito que discorre polo concello de Barro.