En primavera comezarán as obras para crear a senda peonil e ciclista na PO-531 no lugar da Devesa

Pontevedra
16 de decembro 2020

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, visitaba este mércores a zona xunto ao xefe territorial de Infraestruturas José Luis Díaz. O proxecto abría nesta xornada o prazo de presentación de ofertas, que rematará o 20 de xaneiro. O orzamento previsto supera os 756.900 euros para unha obra que afectará a unha zona de 1.500 metros

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, visita a zona onde vai crearse a senda peonil na Devesa, Alba
Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, visita a zona onde vai crearse a senda peonil na Devesa, Alba / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitaba este mércores as obras do itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-531 no lugar da Devesa, na parroquia de Alba, en Pontevedra. O orzamento previsto ascende a 756.931 euros. O prazo de presentación de ofertas finalizará o 20 de xaneiro do próximo ano.

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta anunciaba a posta en marcha do procedemento que se publica na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia durante a súa visita a esta zona.

A representante autonómica acudía acompañada polo xefe territorial de Infraestruturas José Luís Díez e mantivo un encontro con veciños da zona. A previsión da Xunta de Galicia é que estas obras se inicien durante a primavera e rematen a finais de 2021 ou a principios de 2022.

Está previsto que este tramo teña continuidade ata Bretoña.e, segundo apuntaba Piñeiro, a intención é favorecer a mobilidade sostible e a seguridade neste tramo de estrada para os peóns e ciclistas.

O proxecto desenvolverase en case 1.500 metros, na PO-531, afectando os lugares da Devesa, O Bispo e Sabarís. Ao longo  derl percorrido construirase na marxe esquerda unha senda de formigón  coloreado cun ancho mínimo de dous metros, cun bordo de protección e franxas axardinadas que aumentarán a seguridade viaria.

As obras tamén contemplan unha senda cunha pasarela para superar o Rego do Castrado. Utilizaranse sistemas de contención, dous muros para o agarre da terra e a adecuación da rede de drenaxe, con sinalización e balizamento, garantindo a adecuada accesibilidade ás vivendas da zona, segundo informan desde a Xunta de Galicia.