Construcciones Rafer executará a senda na Devesa por uns 615.000 euros

Pontevedra
04 de marzo 2021

A finais deste mes de marzo iniciaranse os actos expropiatorios, co obxectivo de comezar as obras na primavera. Construirase un itinerario peonil de 1,5 quilómetros que conectará os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa

Visita á zona onde vai crearse a senda peonil na Devesa, Alba
Visita á zona onde vai crearse a senda peonil na Devesa, Alba / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar á empresa Construcciones Rafer S.L. por máis de 615.000 euros as obras para a execución dunha senda na estrada PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra.

Está previsto iniciar a finais de marzo o acto expropiatorio de levantamento de actas de ocupación dos terreos necesarios. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras nesta primavera. Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, estarán rematados entre finais deste mesmo ano e comezos de 2022.

O itinerario permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, reforzando a seguridade viaria dos peóns.

A senda terá unha lonxitude próxima aos 1,5 quilómetros e executarase en formigón cun ancho mínimo de 2 metros. Ademais, construirase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde haxa espazo suficiente.

As obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pequena pasarela para superar o rego do Castrado con sistemas de contención, con dous muros para o sostemento de terra.

Tamén se levarán a cabo traballos complementarios como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.