187 establecementos do centro da cidade súmanse ao Plan Composta

Pontevedra
27 de xuño 2020

O 80% dos establecementos incluídos no plan experimental apúntanse á iniciativa do Concello de Pontevedra.  O resto corresponden a 38 que xa reutilizan ou tratan os seus biorresiduos como alimento para animais. Nove establecementos decidiron quedar fóra da proposta

O concelleiro Raimundo González durante a presentación do Plan Composta
O concelleiro Raimundo González durante a presentación do Plan Composta / Concello de Pontevedra

Raimundo González, concelleiro responsable de Residuos de Pontevedra, cualifica como "un éxito" a acollida que ten o Plan Composta entre o comercio e os restaurante e bares do centro da cidade.

Segundo indica o goberno local, o 80% dos establecementos visitados súmanse ao programa de tratamentos dos restos orgánicos. Só nove rexeitaron esta proposta durante as 234 visitas que se realizaron en nove días laborables. 

187 locais súmanse ao Plan Composta, centrado na mellora de calidade de vida a través da xestión dos  biorresiduos. Froiterías e outros comercios de alimentación decidiron non participar porque xa reutilizan estes restos orgánicos para destinalos a animais ou algún outro uso alternativo.

A iniciativa comezaba o 15 de xuño e prolongarase ata primeiros do mes de xullo cunha campaña de sensibilización coa visita de dúas persoas aos establecementos produtores de residuos, que poidan tratarse a través dos novos contedores. Aqueles que se suman ao Plan reciben unha tarxeta, un contedor e bolsas compostables.

Despois desta primeira etapa iniciaranse visitas a particulares por parte do equipo de informadores do Plan Composta a 3.500 domicilios.