2,5 millóns de euros da Unión Europea permitirán modernizar o castelo de Soutomaior

Soutomaior
09 de xullo 2024

A Deputación de Pontevedra recibe esta axuda económica que será destinada a potenciar a iluminación deste Ben de Interese Cultural, así como para mellorar a accesibilidade na Torre da Homenaxe e introducir as novas tecnoloxías de realidade virtual

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra recibiu 2,5 millóns de euros de fondos Next Generation da Unión Europea.

Este diñeiro destinarase a potenciar a modernización do castelo de Soutomaior.

Segundo indican desde a institución provincial, o diñeiro destinarase a potenciar a iluminación deste Ben de Interese Cultural, mellorar a accesibilidade á Torre da Homenaxe, ademais de introducir as novas tecnoloxías de realidade virtual para as visitas ao castelo.

Está previsto que se realicen reformas nas instalacións eléctricas e na iluminación, por quedarse obsoletas, indican desde o goberno provincial da Deputación de Pontevedra.

A nova iluminación será máis eficiente e vai integrarse no espazo histórico para destacar o valor histórico, arquitectónico e artístico do conxunto histórico, garantindo o tránsito seguro durante as visitas nocturnas.

Na Torre da Homenaxe será cambiada a actual escaleira de caracol por outra de mellores prestacións, adaptándose á normativa vixente de funcionalidade, seguridade e accesibilidade.

Tamén se instalarán ferramentas tecnolóxicas que permitan a través de dispositivos móbiles realizar un percorrido virtual dentro e fóra do castelo utilizando técnicas como a realidade virtual e outros formatos de inmersión.

Esta posibilidade permitirá, segundo a institución provincial, chegar a novos públicos.