2.500 persoas na provincia beneficiaranse da axuda de 426 euros do programa de activación de emprego

Pontevedra
07 de xaneiro 2015

O sindicato Comisiones Obreras sinala que as mulleres serán as principais beneficiarias deste programa e invita ás persoas interesadas a acudir ao local sindical para recibir información sobre este acordo que establece axudas de 426 euros

Traballadoras do sector comercio
Traballadoras do sector comercio /

Antes de fin de ano asinábase un acordo sobre o Programa Extraordinario de Activación para o Emprego entre o Goberno e os interlocutores sociais, CEOE, CEPYME, CC.OO. e UGT, co obxectivo de fortalecer o crecemento económico e o emprego. Neste programa establécese, a través do Servizo Público de Emprego, un itinerario para a inserción laboral de parados de longa duración que conten con responsabilidades familiares e esgotasen outros programas de protección ou a renda activa de inserción.

O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) sinalou que 2.500 persoas da provincia de Pontevedra se verán beneficiadas por esta medida que considera unha axuda económica de 426 euros. No conxunto do Estado, o número de beneficiados sitúase en 450.000 parados. José Luis García Pedrosa, secretario comarcal do sindicato, indicou que o programa servirá de axuda, sobre todo, a mulleres ao ser as que contan con menos cobertura de prestación de desemprego.

Dende o sindicato recoñécese que a axuda debería ser por unha contía superior pero os dirixentes sindicais agardan que se realicen melloras na revisión prevista antes de abril de 2016.

García Pedrosa invitou as persoas que poidan estar interesadas por este programa a acudir polos locais sindicais para recibir información sen necesidade de estar afiliado.