20 proxectos empresariais con presentación online abren o quinto Coworking da Deputación

Barro
14 de abril 2020

Carmela Silva, presidenta da Deputación e Raúl Blanco, presidente da EOI e Secretario General de Industria, deron este luns a benvida virtual ás persoas emprendedoras que participan nesta iniciativa que se desenvolve en Barro

Presentación da quinta edición do Coworking da Deputación
Presentación da quinta edición do Coworking da Deputación / Deputación Provincial de Pontevedra

A situación provocada pola expansión do COVID-19 provocou que a quinta edición do Coworking da Deputación de Pontevedra en Barro se desenvolvera a través de procedementos online. Trátase da primeira vez que estas sesións para potenciar o espírito emprendedor realízanse en formato dixital.

Nesta ocasión presentáronse 20 proxectos, dos que 11 atópanse liderados por mulleres. Carmela Silva, presidenta da  Deputación, saudou ás persoas participantes a través dunha vídeoconferencia, acompañada polo presidente da Escola de Organización Industrial (EOI) e Secretario Xeral de Industria do Goberno, Raúl Blanco.

A presidenta provincial aproveitou para destacar a importancia das persoas emprendedoras para saír de situacións como a que actualmente está a afrontar a sociedade. "Precisamos de xente que non renuncie aos seus soños", apuntou para enxalzar o traballo desenvolvido e garantir que, unha vez superada esta pandemia, poñeranse en marcha moitos proxectos.

Raúl Blanco destacou a importancia da formación que, nestes momentos, resulta esencial "porque temos que estar preparados para a saída desta crise sanitaria", asegurou.

O lema desta edición é 'Apostando por un futuro  sostible en 2030' e presentáronse 28 propostas. Entre as 20 iniciativas seleccionadas atópanse actividades relacionadas coa gastronomía, coas novas tecnoloxías, a comunicación, o asesoramento xurídico, deseño, adestramento persoal, arte, turismo ou fomento do patrimonio e a cultura de Galicia.

As persoas participantes poderán seguir as clases formativas dos talleres desde calquera computador ou desde dispositivos móbiles e poderán utilizar ferramentas como  Skype para as titorías individuais.