2016, o ano "de triunfo en triunfo" da Brilat

Pontevedra
08 de decembro 2016

Un total de 1.500  militares participaron este xoves na parada militar na base General Morillo, na que 58 militares recibiron condecoracións, entre eles a comandante médico da Brilat, María Dolores Muñoz Pérez, á que impuxeron a Real Orde de Recoñecemento Civil ás Vítimas do Terrorismo    

Parada militar con motivo da Inmaculada Concepción, patroa da Brilat
Parada militar con motivo da Inmaculada Concepción, patroa da Brilat / Mónica Patxot

Este ano 2016 que está a piques de terminar foi "inmejorable" para a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat), que, en palabras do seu xefe, o xeneral Luís Cebrián Carbonell, foi "de triunfo en triunfo" e acumulou fitos inesquecibles na súa historia. Como colofón a este último ano, este xoves celebraron a festividade da Inmaculada Concepción, patroa da arma de Infantería, cunha asistencia de público pouco habitual e este mesmo venres, sen descanso, iniciarán unhas novas manobras 

O xeneral Cebrián enumerou, en declaracións aos medios, os grandes éxitos da brigada este ano. Entre outros, destaca que "ha salido muy bien" a súa activación como brigada VJTF, a forza de moi alta dispoñibilidade da OTAN, na que "hemos cumplido los objetivos más que sobradamente"; celebraron o seu 50 aniversario cun desfile no centro de Pontevedra no que "los ciudadanos nos han respondido"; e adquiriron unha nova unidade para a brigada, o Rexemento de Cabalería Farnesio número 12, con sede en Valladolid. .

Foi un ano "completo e intenso" no que está convencido de que a brigada deixou "en alto el prestigio del ejército español" e consolidouse como "brigada fiable y segura para el cumplimiento de cualquier misión, por difícil o peligrosa que sea".

Para terminalo, podería esperarse un momento de respiro, pero non será así e agora centraranse no seu plan anual de preparación específico. Desde este venres e durante dez días, realizarán un conxunto de exercicios do que se denomina 'grupo táctico interarmas' no Centro Nacional de Adestramento de San Gregorio, en Zaragoza, nos que participará toda a brigada, os catro batallóns de manobras, os tres batallóns de infantería, o grupo cabalería e apoios de artillería e enxeñeiros. 

Serán exercicios completos con lume real de batallón e o xeneral Cebrián considera que é unha "oportunidad única", de modo que, a pesar da proximidade das datas de Nadal, decidiron aproveitala para despregar o 100% da brigada e tamén unha compañía portuguesa coa que nos últimos meses estableceron unha estreita colaboración. 

Antes de irse, tocaba festexar e 1.500  militares participaron este xoves na parada militar organizada na base General Morillo, na que 58 militares recibiron condecoracións e 65 'civís' xuraron bandeira, entre eles un home invidente que, para poder achegarse á bandeira e bicala, necesitou o apoio dun compañeiro da Lexión.

Dúas condecoracións resultaron especialmente significativas, a concesión da Cruz ao Mérito Militar con Distintivo Branco ao coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez Lara, e a Real Orde de Recoñecemento Civil ás Vítimas do Terrorismo á comandante médico da Brilat, María Dolores Muñoz Pérez

Este recoñecemento ten como finalidade honrar ás vítimas do terrorismo, condición que esta comandante pasou a ter no ano 2007 durante a misión da Brilat en Afganistán. Era tenente por aquel entón e viaxaba na mesma ambulancia que a soldado española Idoia Rodríguez Buján, a primeira muller militar falecido en misións no exterior. Estaban no sur da provincia afgá de Herat e, ao paso da súa ambulancia, explotou unha mina de alta potencia.