21 candidaturas aos premios Virxinia Pereira de banda deseñada

Pontevedra
23 de febreiro 2017

Os premios de BD Virxinia Pereira nacen co dobre obxectivo de visibilizar ás escasas autoras de banda deseñada que existen ata agora e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito. Por este motivo, o fallo darase a coñecer coincidindo co Día Internación da Muller, o 8 de marzo

Kiko da Silva e Carmen Fouces co cartaz da primeira edición dos Premios Virxinia Pereira de banda deseñada
Kiko da Silva e Carmen Fouces co cartaz da primeira edición dos Premios Virxinia Pereira de banda deseñada / PontevedraViva

Aos premios de banda deseñada (BD) a prol da igualdade Virxinia Pereira saíronlle 21 candidaturas. É o número de traballos que se presentaron para esta primeira edición do galardón, que promove o Concello de Pontevedra en colaboración co debuxante Kiko da Silva e a escola de BD O Garaxe Hermético.

Os premios de BD Virxinia Pereira nacen co dobre obxectivo de visibilizar ás escasas autoras de banda deseñada que existen ata agora e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito. Por este motivo, o fallo darase a coñecer coincidindo co Día Internación da Muller, o 8 de marzo. Ademais, a entrega dos premios incluirá a homenaxe a unha autora de banda deseñada para recoñecer o seu traballo e abrir as portas a referentes femininos neste sector.

As 21 personas que participan no certame presentaron unha historieta orixinal de seis páxinas de BD con contidos que fortalecen a reflexión crítica sobre o papel social das mulleres e homes e, ademais, fixérono en galego.

As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada que formará parte da programación dos actos do 8 de Marzo e conformará unha publicación destinada aos centros educativos.

O primeiro premio suporá un galardón económico de 2.000 euros e un curso de verán no Garaxe Hermético; o segundo premio, 1.000 euros e un lote de banda deseñada; e o terceiro, 500 euros e un lote de banda deseñada. Ademais, publicaranse os tres traballos.