23 de xuño, data para o pleno sobre seguridade cidadá: "Todo é mellorable, pero esta é unha cidade segura", afirma Lores

Pontevedra
18 de xuño 2025

A sesión celebrarase na casa consistorial, segundo anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Falaremos dese tema con toda a transparencia do mundo", garantiu

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Pablo Ajuria - Brais Porto

Xa hai data para a celebración do pleno extraordinario solicitado polo PP, por mor da agresión grupal rexistrada en Barcelos, para debater sobre os problemas de seguridade cidadá que existen en Pontevedra. Será o vindeiro luns 23 de xuño.

A sesión celebrarase na casa consistorial a partir das dez da mañá, segundo anunciou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Falaremos dese tema con toda a transparencia do mundo", garantiu Fernández Lores, quen sostivo que aínda que "todo é mellorable" Pontevedra é unha cidade "segura".

Casos ou sucesos "puntuais", engadiu o rexedor pontevedrés, "non deben distraernos diso".

O alcalde entende que a Policía Local funciona "correctamente" na cidade e puxo en valor tamén o traballo que realizan o resto de forzas e corpos de seguridade do Estado.

Lores asegurou que nese pleno "escoitaremos a todo o mundo" e que, en función de como se aborde ese debate, "tomaremos as decisión oportunas".

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, subliñou que o seu partido leva dous anos advertindo que "iba a haber una desgracia" porque o tema da seguridade e da convivencia "es un problema", a pesar de que o goberno municipal "se negaba a verlo".

Un feito illado, engadiu, "puede pasar en Pontevedra, en Madrid o en A Coruña", pero considera que "cuando es fruto de una dinámica de la que venimos avisando, lo que hay es una dejación de funciones" por parte do alcalde.

"No se hace nada y se debe hacer", sostivo o líder popular, que reclamou a creación da comisión entre políticos, responsables policiais e sociedade civil para "que escuchemos a todos" para trazar estratexias coas que combater esta situación.

A este respecto, o portavoz socialista, Iván Puentes, reiterou que a súa proposta de crear unha comisión de convivencia cidadá é a mellor vía para abordar esta problemática e rexeitou a estratexia do PP de crear un "medo irracional" na cidadanía.

Lamentou que os populares busquen "ayusizar" a política pontevedresa e "meter no mesmo saco" os problemas que poidan causar bandas organizadas e a persoas que pasan a noite na rúa e que teñen condutas adictivas.

Ademais, Puentes criticou que o BNG responda a esta situación "mirando cara a outro lado" e advertiu que non abordar este asunto "é un erro" ao servir para "dar alas" á ultradereita para "vender" que está en risco a seguridade cidadá "cando non é así".