25 anos de irmandade entre Vilanova e a cidade de Cuxhaven grazas á emigración

O Salnés
10 de xuño 2026

Unha delegación do municipio xermano, ligado á emigración galega dos anos sesenta e setenta, participa nun programa de actos institucionais que remata o domingo 14

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, con representantes de Cuxhaven
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, con representantes de Cuxhaven / Concello de Vilanova de Arousa

O Concello de Vilanova de Arousa recibe esta semana a visita dunha delegación oficial de Cuxhaven, liderada polo alcalde Uwe Santjer, co obxectivo de conmemorar un cuarto de século de irmandade entre as dúas vilas.

Esta alianza formalizouse no ano 2001 para institucionalizar os vínculos xurdidos por mor do fluxo migratorio das décadas de 1960 e 1970, período no que numerosos veciños do municipio arousá e doutros puntos de Galicia fixaron a súa residencia nesta cidade portuaria do estado de Baixa Saxonia.

Cuxhaven sitúase na costa do mar do Norte, xusto na desembocadura do río Elba, e conta cunha poboación aproximada de 48.221 habitantes.

Na actualidade, o municipio xermano destaca como o maior balneario do país, cunha actividade económica ligada ao turismo de saúde e ao sector marítimo.

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa, acudía con outros representantes municipais en maiio para interesarse por ideas deste sector que se poidan incorporar ao futuro talaso municipal.

Entre as súas características xeográficas e culturais de Cuxhaven figuran as marismas do mar de Frisia, que se poden cruzar en carruaxes de cabalos ata a illa de Neuwerk cando a marea o permite, e o monumento de madeira Kugelbake, un faro que sinala o límite entre o río e o mar aberto.

Visita en maio de Gonzalo Durán ao Centro Cultural Galego de Cuxhaven
Visita en maio de Gonzalo Durán ao Centro Cultural Galego de CuxhavenConcello de Vilanova de Arousa

O programa de actividades de recepción en Vilanova comeza este xoves 11 e estenderase de xeito continuo ata o domingo 14 de xuño. A xornada de clausura centrará os actos principais da conmemoración:

Ás 12:30 horas, a Casa do Concello de Vilanova acollerá unha recepción oficial na que intervirán os representantes institucionais de ambas as dúas administracións.

Durante o acto descubrirase unha placa conmemorativa para deixar constancia do aniversario da unión entre as dúas poboacións.

A programación pecharase ás 14.00 horas cun xantar popular no Terrón, onde os membros da delegación de Cuxhaven serán os convidados principais.