25 árbores para a reformada Estrada do Balneario

Ponte Caldelas
03 de outubro 2021

Foron plantados dez tilos e quince liquidámbar intercalados e nestes días os operarios realizan traballos nas zonas axardinadas nesta vía en que se adoptaron medidas de calmado de tráfico

O alcalde Andrés Díaz na Estrada do Balneario Concello de Ponte Caldelas

Durante estas xornadas, operarios realizan traballos nas zonas axardinadas dentro da reforma integral da Estrada do Balneario. Plantáronse 25 árbores, dez tilos e quince liquidámbars que se  intercalan ao longo da vía. Ademais instálase tea antiherbas e pedra branca decorativa baixo as especies, segundo informa o Concello de Ponte Caldelas.

A obra supuxo a reforma da contorna da leira do Balneario, adquirida polo  Concello en 2017, onde está prevista a creación da futura Estación Termal. Os traballos desta reforma realízanse con cargo a Fondos Europeos nun 80% e o 20% restante corre a cargo da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

Esta Estrada do Balneario é de sentido único con acougado de tráfico, beirarrúas empedradas e mobiliario urbano, ofrecendo continuidade entre a Praza de España e a Avenida de Vigo. Segundo o alcalde Andrés Díaz estas intervencións buscan a mellora dos espazos públicos e o incremento de aparcamento gratuíto.