A conmemoración do 25N, día mundial para a eliminación da violencia contra a muller, adiantouse este ano en moitas institucións ao coincidir a propia xornada en fin de semana e durante a xornada deste venres sucedéronse actos por toda Pontevedra. Os principais foron na Subdelegación do Goberno e a Deputación Provincial, con senllas citas institucionais que reivindicaron a erradicación da violencia.
Na Subdelegación do Goberno, o protagonismo foi para o alumnado de varios centros da provincia, que durante as últimas semanas participaron nas actividades organizadas para lograr conciencia e formación en materia de violencia contra a muller.
Durante o acto, proxectouse un vídeo resumo do obradoiro 'regueifando en igualdade' impartido por Lupe Blanco nos institutos Monte da Vila de O Grove, Francisco Asorey de Cambados e Illa de Tambo de Marín. Con esta actividade buscouse promover a toma de conciencia na igualdade de xénero a través da tradición oral galega entre máis de 250 alumnos e alumnas.
O acto tamén contou coa participación de alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e da facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, que no último mes colaboraron para a posta en marcha dunha campaña dirixida a que os futuros e futuras profesionais da hostalaría sexan coñecedoras dos protocolos de protección a posibles vítimas no sector e o deseño dunha campaña divulgativa en redes sociais. O profesorado dos dous centros explicaron o proxecto durante o acto.
A subdelegada do Goberno en funcións, María Isabel Alonso, lembrou tamén o proxecto da Maleta viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI), que difunde pola provincia literatura fronte a violencia machista e reafirmou o compromiso de seguir traballando conxuntamente, institucións públicas e sociedade, para non retroceder na complexa tarefa de erradicar a violencia de xénero.
Na Deputación, a palabra tomouna Irene García, coordinadora do Equipo Muller-Menor (EMUME) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, que leu un manifesto no que remarcou que a conmemoración deste día debe servir a toda a sociedade para lembrar que calquera tipo de violencia sobre a muller "supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos, non só das mulleres, senón tamén dos seus fillos e fillas vítimas directas desta violencia".
Este manifesto recoñeceu que "grazas ao traballo histórico do feminismo", nas últimas décadas foron moitos os avances na loita, coa posta en marcha de medidas e a aprobación de lexislación en todos os niveis administrativos, e lembrou que é responsabilidade das diferentes administracións supervisar que atención integral ás vítimas responda a tres principios fundamentais: a coordinación, a colaboración e a contemporaneidade.
Á vista das cifras de mulleres asasinadas a mans das súas parellas varóns no que vai de ano, sinala que "son preocupantes" e que "deben poñernos en alerta", pois demostran que "a pesar dos grandes esforzos realizados, as medidas postas en marcha desde os poderes públicos non están a dar os froitos desexados".
Desde a Deputación de Pontevedra comprométense a "traballar os 365 días do ano por e para acadar unha vida libre de violencias machistas" coa posta en marcha de medidas para previr e protexer ás mulleres que sofren ou sufriron algún tipo de manifestación desta violencia, facendo especial fincapé na coeducación como ferramenta de prevención e sensibilización.
A clave está, segundo recolle o manifesto, en "sumar forzas dende tódolos ámbitos" co obxectivo de "conseguir, canto antes, a erradicación da violencia contra as mulleres e acadar unha provincia que vaia a máis no que todos queremos: en igualdade".
O acto rematou cunha actuación musical a cargo da pianista Andrea González e tivo tamén certas doses de polémica, pois o grupo provincial do BNG quixo saber se o que se acababa de ler era unha declaración institucional. En caso de selo, César Mosquera queixouse de que non se consensuara co resto de grupos políticos.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO GOBERNO
Na Subdelegación do Goberno, leuse a declaración institucional oficial aprobada polo Consello de Ministros, na que se manifesta o "máis absoluto rexeitamento a todas as formas de violencia machista", unha violencia estrutural que é "a expresión máis cruel da discriminación", a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres.
Manuela Vilaboy, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Pontevedra, foi a encargada de ler o texto, no que se reitera a "firme determinación" do Goberno na consecución dunha sociedade máis igualitaria, libre de violencia contra as mulleres.
Ademais, lembrou que a violencia contra as mulleres "vulnera o dereito fundamental á vida, á liberdade, á integridade física e moral, á igualdade e á dignidade das mulleres, e os dereitos da infancia" e "impacta no dereito para decidir libremente sobre o desenvolvemento da propia vida, da propia sexualidade, de maneira segura, sen sufrir inxerencias por parte de terceiros e libre de coacción, discriminación e violencia".