25N | Bueu concéntrase en silencio e apela á educación para "erradicar" a violencia machista

Bueu
25 de novembro 2020

"Nin unha máis! Nin unha menos!", destacou a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, ao remate desta concentración organizada polo Concello de Bueu e na que estiveron presentes representantes de todos os grupos políticos da corporación

Alumnos do CPR Virxe Milagrosa presentando os seus traballos do 25N
Alumnos do CPR Virxe Milagrosa presentando os seus traballos do 25N /

Cunha concentración silenciosa conmemorou Bueu este 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, no que a vila decidiu apelar á educación e á concienciación cidadá para "erradicar" a violencia machista e a desigualdade.

"Nin unha máis! Nin unha menos!", destacou a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, ao remate desta concentración organizada polo Concello de Bueu e na que estiveron presentes representantes de todos os grupos políticos da corporación.

A concelleira deu lectura á declaración institucional que xa fora aprobada polo pleno e na que se fai un chamamento á "unión e implicación" de toda a cidadanía contra esta lacra.

A este acto sumouse a estrea dun vídeo no que os membros da corporación municipal len diversos fragmentos de poemas, novelas e ensaios que reflexionan sobre o machismo e as violencias exercidas contra as mulleres, e que se pode ver na canle municipal de Youtube.

O alumnado do CPR Virxe Milagrosa tamén puxo o seu gran de area para conmemorar esta xornada coa presentación no Centro Social do Mar dos traballos realizados sobre os micromachismos, a través de formatos tan novidosos como os podcasts ou os vídeos curtos. 

Ademais, colocaron carteis en diversos puntos e establecementos da vila nos que a cidadanía pode escanear un código QR e acceder á totalidade destes contidos.

Ana Isabel Otero destacou que é "importante" que se traballe na erradicación das violencias machistas durante os 365 días do ano e valorou moi positivamente o labor que dende os centros educativos realizan coa rapazada.