25N | Concentración para gañarlle ao machismo en Soutomaior

Soutomaior
25 de novembro 2023

A Alameda de Talo Río acolleu o acto convocado polo Concello de Soutomaior nesta xornada do 25N. Gardouse un minuto de silencio e, a continuación, a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, lembrou que esta data é un día de memoria e reparación. Avogou polo "Soutomaior Feminista que queremos"

Asistentes á concentración do 25N en Soutomaior
Asistentes á concentración do 25N en Soutomaior / Concello de Soutomaior

O deporte foi o punto central neste 25N no Concello de Soutomaior baixo o lema "Gañémoslle ao machismo". Este sábado na Alameda de Tallo Río realizábase unha concentración en contra das violencias machistas.

Gardábase un minuto de silencio e, a continuación, Rosana Martínez, concelleira de Igualdade, lembraba que esta data é un día de memoria e reparación. 

Durante a súa intervención avogou por construír o "Soutomaior Feminista que queremos" en defensa dunha sociedade igualitaria. 

Marga Ríos, xogadora da Asociación Deportiva Tenis & Padel de Soutomaior, e Mia Wan Zalimy, kickboxer local, foron as deportistas encargadas de dar lectura ao manifesto.

Ambas lembraron que desde 2003 foron asasinadas 1.235 mulleres como vítimas de violencia machista en España e 25 entre os meses de xullo e setembro deste ano.

As deportistas sinalaron que no seu ámbito sempre teñen que loitar polos seus dereitos sen que se lles ceda a máis mínima concesión e sen recibir os recoñecementos necesarios. Pidieroon que se deixe de invisibilizar os comportamentos machistas que só buscan impedir eses recoñecementos dos éxitos das mulleres e que se evite xustificar o trato diferencial de patrocinadores que afirman que o deporte feminino "non interesa e non é rendible".

Despois da lectura, o dúo Cinta Adhesiva protagonizaba un espectáculo poético a cargo de Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada. Durante a tarde, a compañía A Panadaría ofrece a súa obre 'As que limpan' a partir das 20.30 horas no Multiusos de Arcade.

O 1 de decembro está prevista a presentación do libro 'Bambú', de Isabel Blanco, a partir das 19.30 horas, cun coloquio posterior, dentro dos actos organizados con motivo do 25N.