280.000 euros para ampliar e profesionalizar a rede de oficinas Info Rías Baixas

Pontevedra
26 de xuño 2026
Actualizado: 16:57

A Deputación de Pontevedra abre o deseño da campaña de promoción para 2027, cun investimento que poderá alcanzar os 750.000 euros, e reclama a Aena "pasos reais" para Peinador

Turistas
Turistas / Cristina Saiz

Por primeira vez desde que se teñen rexistros, o volume de visitantes procedentes de fóra das fronteiras españolas superou ao de turistas nacionais durante o mes de maio.

O dato, cualificado de "histórico" polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, sitúa o mercado internacional no 51% do total de viaxeiros, fronte ao 49% de turismo doméstico, nun contexto de crecemento xeral do sector do 6%.

Este fito estatístico centrou parte da comparecencia do mandatario provincial tras a Xunta de Goberno celebrada este último venres de xuño no Pazo provincial, na que se deron luz verde a investimentos de cara á xestión e promoción de Pontevedra como destino turístico.

Para López, o cambio de tendencia reflicte o éxito das estratexias de proxección exterior: "Está sendo un acerto total a campaña realizada pola Deputación de internacionalización do destino e a presenza en feiras internacionais" como as de Londres, Berlín, Madrid (FITUR) ou Lisboa.

Ao seu xuízo, a marca provincial gañou competitividade grazas ao pulo do Camiño de Santiago, as Illas Atlánticas, as rías e un turismo de interior con cada vez maior protagonismo, uns atractivos que xeran un visitante foráneo cuxa presenza adoita ir ligada a un maior gasto no tecido económico local.

Co obxectivo de apuntalar o destino nun momento que definiu como "crucial por calendario", o goberno provincial aprobou unha partida de 280.000 euros destinada á rede de oficinas Info Rías Baixas.

Este montante supón un incremento de 20.000 euros respecto ao exercicio anterior e permitirá estender as axudas de 29 a 32 oficinas de información pertencentes a 29 municipios pontevedreses. A achega económica asumirá os custos salariais do persoal e os gastos ordinarios de atención ao público coa fin de "mellorar a experiencia dos nosos visitantes ao tempo que impulsamos a profesionalización do sector".

De xeito complementario, a administración provincial deu xa luz verde ao expediente de contratación para o arranque do deseño da campaña de Turismo Rías Baixas orientada de cara ao vindeiro ano 2027. Para esta nova acción publicitaria prevese un investimento inicial de 225.000 euros que, mediante as posibles prórrogas contempladas no contrato, poderá acadar un teito global de 750.000 euros.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez

O contrato abarca desde a creatividade, o deseño e a coordinación da campaña ata a elaboración de pezas audiovisuais en todos os soportes e os actos de presentación do destino, incluído o escaparate de FITUR.

CHAMAMENTO SOBRE PEINADOR

Malia as cifras récord de visitantes, o presidente da Deputación de Pontevedra puxo o foco nas carencias de conectividade que arrastra a provincia e lanzou unha esixencia explícita ao Ministerio de Transportes e a Aena. López amosouse crítico coa xestión de infraestruturas aéreas e preguntouse publicamente: "Ata que punto podería chegar o noso turismo se tivésemos conexións aeroportuarias dignas destes datos?".

O dirixente provincial instou ao Executivo central a "que se apliquen na atracción de rutas aeroportuarias" en Peinador, argumentando que a realidade do sector avanza moi por diante da planificación estatal: "O turismo está demostrando estar moi por riba da súa xestión".

Por este motivo, demandou dar pasos reais e urxiu a deixar a un lado as disputas institucionais: "Pido a Aena que dea pasos reais cara á captación de rutas, e que todos os axentes con influencia no aeroporto se deixen de confrontación e que traballen na captación de voos internacionais e na mellora das conexións".

Pola súa banda, Ana Laura Iglesias, portavoz do grupo provincial socialista, defendeu unha moción no pleno para que as tres administracións, tanto o goberno estatal como a Xunta e Deputación, compartan os custos de promoción "dunha infraestrutura estratéxica para toda a provincia".

O BNG provincial tamén reclama á Xunta e ao Estado un Plan de Dinamización
para reforzar Peinador con compromisos e financiamento dentro dunha estratexia aeroportuaria para Galicia.

A deputada Manuela Rodríguez defende medidas concretas para mellorar os
accesos, a conexión intermodal, a apertura as 24 horas, o transporte de
mercadorías e a recuperación da torre de control presencial