28M | Ana Pontón chama "a consumir non comercio local e a consumir produto local" nunha visita a Marín

Marín
16 de maio 2023

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, achegouse a Marín, onde visitou varios comercios da nosa vila acompañada pola candidata á alcaldía, Lucía Santos, e un numeroso grupo de representantes do BNG

Acto electoral do BNG en Marín coa visita da portavoz nacional Ana Pontón
Acto electoral do BNG en Marín coa visita da portavoz nacional Ana Pontón / BNG

A candidata á alcaldía de Marín polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, contou este luns co respaldo da voceira nacional da formación, Ana Pontón.

A líder do BNG protagonizou un paseo por Marín visitando varios comercios da vila acompañada da candidata local e un grupo de representantes do BNG.

"Quero facer un chamamento, un convite, a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción", solicitou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen subliñou as vantaxes de apostar polo feito en Galicia. "A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no País, fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades", sinalou.

Lucía Santos pola súa banda criticou que "o BNG leva solicitando nos últimos anos ao goberno do PP un maior apoio ao comercio local e propoñendo varias campañas e distintas medidas, algunha das cales foi recollida polo PP e levada adiante nas últimas semanas, curiosamente na precampaña e na campaña electoral".

Por todo iso a candaidata nacionalista defendeu "a aposta decidida do BNG polo comercio local. Un elemento central na economía local que crea riqueza e fomenta a creación de emprego", xa que se trata dun sector que ""enche de vida as rúas, xusto o contrario da imaxe de tristeza, deterioro e abandono que transmiten as rúas con persianas baixadas e locais baleiros, como acontece agora mesmo na nosa vila".

Entre os seus compromisos electorais con este sector, Lucía Santos propón accións como fomentar a formación e orientación laboral, potenciar o portal dixital de comercio local Marín en Rede, estudar a posibilidade de implantar a medio prazo un centro comercial aberto no centro histórico, a promoción do pequeno comercio fronte ás grandes superficies, a revisión da ordenanza municipal e a recuperación do mercadillo de Seixo, entre outras cuestións.