As Festas das Dores de Ponte Caldelas xa están aquí. Comezan este venres 23 de agosto cun sinfín de actividades para todos os públicos e para todos os gustos que se prolongarán ata o 29 de agosto.
O alcalde, Andrés Díaz, destacou que o obxectivo é facer unhas festas "para o desfrute do noso pobo", de reencontro, de diversión, seguras, en igualdade e "que estean á altura da mellor veciñanza do mundo, a de Ponte Caldelas".
Este venres todo empeza co 'Caldelas Xoven' a partir das 23.00 horas na Alameda, que contará coa actuación de Famous (gañador de Operación Triunfo 2018), Ricky Merino (Operación Triunfo 2017), David Lafuente e Brokkt.
O sábado arrancará a xornada con pasarrúas dende media mañá e pola tarde será a quenda do Festival Folcrórico Internacional ás 20.30 na Alameda. Participarán Os Coribantes xunto co grupo folcrórico 'Chispa' de Plasencia e o Rancho Folcrórico Campanha de Oporto. En total, máis de 150 artistas daranse cita neste evento.
Xa ás 23.00horas chegará un dos momentos máis agardados, a verbena na Alameda, que contará coa orquestra Superfama e o grupo América, que deleitarán aos asistentes coas súas versións dos clásicos do rock.
O domingo a música chegará da man dunha das orquestras de máis prestixio da xeografía galega, Olympus. Será a partir das 22.30 horas.
O luns haberá pasarrúas e o concerto da Banda de Música. Ás 21.00 terá lugar o Festival 'Son de Ponte Caldelas' na Alameda coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio. A verbena, que comezará ás 00:00 estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ´s.
O martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores de Ponte Caldelas, un día que ven completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e ás 20.00 horas a misa solemne na honra de San Roque, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa. A continuación, chegará a procesión, acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da Brilat.
O día rematará cunha verbena entre as 23.00 horas e as 8.00 da mañá. Estará a cargo do Combo Dominicano e as orquestras La Oca Band e Nevada Band.
O mércores 29 pequenos e mozos poderán desfrutar do Día do Neno coa atraccións infantís das festas a prezo reducido.